Logo Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes


Últimos
contidos
incorporados

Consulte os contidos máis recentes desta sección.
:: Rosalía de Castro > A autora

A autora

Naceu Rosalía de Castro en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. Na súa partida de nacemento figura como «hija de padres incógnitos», puntualizándose, non obstante, que «va sin número por no haber pasado a la Inclusa».

Durante moito tempo a irregularidade do seu nacemento orixinou certo desconcerto na crítica, quizais porque se xulgaba impertinente ou pouco respectuoso con tan egrexia figura das letras galegas indagar no que parecían «trapos sucios» da familia. Afortunadamente eses tempos pasaron e hoxe existen estudos rigorosos que permiten coñecer perfectamente os antecedentes familiares de Rosalía.

Súa nai, dona María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, de familia fidalga vinda a menos, naceu o 24 de novembro de 1804. Dona Teresa tiña trinta e dous anos e tres meses cando naceu Rosalía. Seu pai, don José Martínez Viojo, nacido o 7 de febreiro de 1798, acababa de cumprir trinta e nove e era sacerdote; non puido, polo tanto, recoñecer, nin lexitimar a filla, aínda que si parece que se interesou por ela e encargou do seu coidado ás súas irmás.

Foron as tías paternas de Rosalía, dona Teresa e dona María Josefa, as que se fixeron cargo da nena nos primeiros tempos, levándoa a vivir con elas, primeiro en Ortoño, na casa familiar chamada Casa do Castro, e despois en Padrón.

Un detalle que queda sen aclarar é a personalidade da madriña de Rosalía, a muller que a levou bautizar e que, segundo a partida de nacemento, se chamaba Francisca Martínez e era «natural de San Juan del Campo». Segundo os datos de Caamaño Bournacell, non era irmá do pai (malia a similitude do seu primeiro apelido, por outra parte moi corrente). Podería ser alguén enviado por dona Teresa de Castro? Non se sabe.

Semella, á luz dos feitos coñecidos, que a nai non se atreveu a afrontar soa o nacemento da nena nos primeiros momentos, xa que na partida de bautismo Rosalía aparece como filla de «padres incógnitos». É unha actitude desculpábel e explicábel pola presión social e mesmo pola vergoña que debeu de producir aquel nacemento «sacrílego» na familia materna.

Malia non sabermos con exactitude en qué momento dona Teresa se fixo cargo da súa filla, vanse atopando testemuños que indican que o fixo cando Rosalía era aínda unha nena. Nun rexistro do Concello de Padrón do 17 de setembro de 1842, dado a coñecer por Manuel Pérez Grueiro (Véxase Andrés Pociña / Aurora López, Rosalía de Castro Estudios sobre a súa vida e a súa obra, p. 24, ), consta que reside en aquela localidade dona Teresa de Castro, coa súa filla Rosalía e unha criada chamada María Martínez. Nese rexistro dise que o estado civil de dona Teresa é o de solteira e que ten trinta seis anos (dato erróneo, xa que, partindo da data de nacemento do Libro de Bautizados de Iria Flavia, nacera o 24 de novembro de 1804; estaba, pois, a punto de cumprir trinta e oito anos ). Rosalía ten nese momento cinco anos e sete meses. Foi entón cando a nai a levou a vivir con ela? Mentres non aparezan outros documentos, pódese considerar que probabelmente esa é a data na que nai e filla comezaron a vivir xuntas.

Un capítulo interesante dende o punto de vista psicolóxico constitúeno as relacións de Rosalía coa nai. Non sabemos se dona Teresa viu con frecuencia a súa filla mentres esta viviu coa familia paterna; quizais si. E o feito de vivir con ela dende os cinco anos explica o profundo cariño que chegou a inspirar á súa filla. Rosalía casa no ano 1858, interrompéndose a convivencia entre as dúas mulleres. Dona Teresa morre repentinamente catro anos máis tarde, en 1862. Rosalía escribe entón un libriño de poesías, A mi madre, onde dá mostras dunha gran dor e sobre todo dun sentimento de soidade que xa non a abandonará nunca. Nada puido encher o oco que deixara a nai na súa vida.

Rosalía debeu sentir pola súa nai, ademais de cariño, compaixón e agradecemento. Como tantas protagonistas dos seus poemas, súa nai era a pobre muller namorada e enganada polo varón. Pero era tamén a muller que, finalmente, se enfrontou á sociedade para recoñecer o froito do seu descoido e reparar así a súa falta. Na súa primeira novela La hija del mar, Rosalía brinda unha homenaxe ao valor da súa nai cando, referíndose a unha nena expósita di: «Hija de un momento de perdición , su madre no tuvo siquiera para santificar su yerro aquel amor con que una madre desdichada hace respetar su desgracia ante todas las miradas, desde las más púdicas hasta las más hipócritas».

Non sabemos até qué punto estes acontecementos dos primeiros anos da súa vida e do seu nacemento irregular influíron no carácter e na obra de Rosalía. A crítica tendeu a destacar a importancia daqueles feitos. Rof Carballo sinalou a coincidencia de certos trazos do seu mundo poético coa ausencia dunha «imago» paterna na formación da súa personalidade.

José Luis Varela interpreta o símbolo da negra sombra poñéndoo en estreita relación coa «oscuridad» das súas orixes.

Xesús Alonso Montero destaca a presión social que sufriron a nena e a nai e como ese ambiente condicionou a personalidade adulta de Rosalía.

En canto a min, non me cabe dúbida de que algúns carácteres da súa visión do mundo -por exemplo, a vinculación de amor, remordemento, pecado- están intimamente relacionados coa súa historia familiar.

Aínda que a sociedade galega teña fronte aos fillos naturais unha actitude máis aberta e comprensiva que outras sociedades, o feito de ser «filla de cura» debeu de inclinar a balanza negativamente do lado das reticencias. Non parece estraño que nunha nena sensíbel e intelixente a falta de pai e a súa condición de froito de amores prohibidos influísen no seu carácter e na súa concepción da vida.

Que clase de instrución recibiu Rosalía? Parece que foi escasa. Non sabemos se cursou estudos, aínda que os biógrafos se inclinan a pensar que non, agás algo de Debuxo e Música nas aulas da Sociedade Económica de Amigos do País. Un índice da súa escasa escolaridade son as abundantes faltas de ortografía dos autógrafos que conservamos dela.

Un capítulo importantísimo na súa vida son as relacións con Manuel Murguía, con quen contrae matrimonio o 10 de outubro de 1858. As opinións da crítica sobre a vida en común da parella son tan contraditorias que poden sumir o lector na perplexidade.

Xesús Alonso Montero afirma «sempre crin que a decisión de casar con este home é un acto propio de quen, atordoado polas circunstancias, vese na necesidade de aceptar a menor oportunidade».

Pola contra, lemos en Bouza Brey: «Da man do seu home, pois, entróu Rosalía na groria, xa que foi o primeiro ademirador das suas escelsas coalidás poéticas, con sacrificio escomasí das propias, como ben señala o escritor don Xoán Naya; e nunca xamáis lle pagará Galicia a don Manuel Murguía o desvelo que puxo en dar a conocer as vibracións de aquel esquisito esprito. O nome de Murguía ten de figurar ó frente de toda obra de Rosalía polo amoroso coidado que puxo no seu brilo frente á recatada actitude da súa esposa, apartada sempre dos cenáculos onde se forxan, con razón ou sin ela, as sonas literarias».

Se na súa vida íntima foron felices ou desgraciados, se houbo por parte de Murguía infidelidade, xa só o saberán eles e algúns que non quixeron dicilo. A nós tócanos unicamente expoñer os feitos que coñecemos e darlles a nosa propia interpretación.

Un feito que me parece altamente significativo e que xa comentei noutro lugar é a destrución das cartas de Rosalía que realizou o seu esposo, ao final da súa vida. O propio Murguía cóntanos este episodio:

«Como ya se acercan los días de la muerte, he empezado por leer y romper las cartas de aquella que tanto amé en este mundo. Fui leyéndolas y renovándose en mi corazón alegrías, tristezas, esperanzas, desengaños, pero tan llenas de uno que en realidad, al hacerlas pedazos, como cosas inútiles y que a nadie importan, sentí renovarse las alegrías y dolores de otros tiempos.

Verdaderamente la vejez es un misterio, una cosa sin nombre, cuando he podido leer aquellas cartas que me hablaban de mis días pasados, sin que ni mi corazón ni mis ojos sangraran. Para qué?, parece que me decían. Si hemos de vernos pronto, ya hablaremos en el más allá».

Se é certo que, grazas ao seu esposo, Rosalía se lanzou á vida literaria e iso lle habemos de agradecer, tamén o é que nos privou, coa destrución das cartas, dun elemento importante para coñecer o seu carácter e a súa obra. Cantos misterios da súa poesía, cantas alusións que nos desconcertan por ignorar o seu verdadeiro significado, non se aclarasen coñecendo as súas cartas? Murguía era consciente da importancia delas, aínda que insista repetidamente en que só interesan a eles dous:

«Pero si las leí sin que mi alma se anonadase en su pena, no fue sin que el corazón que había escrito las líneas que acababa de leer, se me presentase tal como fue, tal cual nadie es capaz de presumir».

É, pois, a imaxe de Rosalía «tal como fue, tal cual nadie es capaz de presumir» o que Murguía destruíu para a posteridade. Cabe preguntarse por que. Quizais porque a imaxe da súa vida matrimonial non era tan perfecta ou exemplar coma el houbese, a posteriori, desexado.

Nas escasas cartas ou fragmentos conservados, atopamos reproches unidos a confesións de cariño, esixencias ou desculpas por esas esixencias, que poden parecer excesivas. Vexamos algún exemplo:

«Mi querido Manolo: No debía escribirte hoy, pues tú me dices lo haga yo todos los días, escaseas las tuyas cuanto puedes, pues casualmente los dos días peores que he tenido, hasta me aconteció la fatalidad de no recibir carta tuya. Ya me vas acostumbrando, y como todo depende de la costumbre, ya no hace tanto efecto; sin embargo, estos días en que me encuentro enferma, como estoy más susceptible, lo siento más. Te perdono, sin embargo, aunque sé que no tendrías otro motivo para no escribirme que el de algún paseíto con Indalecio, u otra cosa parecida ».

Vexamos outro fragmento:

«Estando lejos de ti vuelvo a recobrar fácilmente la aspereza de mi carácter que tú templas admirablemente, y eso que, a veces, me haces rabiar, como sucede cuando te da por estar fuera de casa desde que amanece hasta que te vas a la cama, lo mismo que si en tu casa te mortificasen con cilicios».

A impresión que tiramos dos escasos restos conservados é que Rosalía atopou en Murguía un dos poucos apoios de que gozou na súa vida, que a consideraba como «la persona a quien más se quiere en el mundo», que moitas veces non se sentía correspondida na mesma medida, e que, entón, ou rabiaba ou facía «reflexiones harto filosóficas respecto a la realidad de los maridos y la inestabilidad de los sentimientos humanos».

Un punto da biografía de Rosalía no que houbo bastante confusión refírese ao número dos seus fillos e, mesmo, ao seu sexo. Tras os traballos de Caamaño Bournacell -xa citado- e de Bouza Brey, a cuestión quedou aclarada. Tivo os fillos seguintes:

Alejandra, nacida en maio de 1859 en Santiago de Compostela, case aos sete meses exactos do matrimonio dos seus pais. Morreu en 1937.

  • Aura, nacida en decembro de 1868 (obsérvese o longo intervalo sen descendencia). Morreu en 1942.
  • Gala e Ovidio, xemelgos, nacidos en xullo de 1871. A primeira morreu en 1964; Ovidio, en 1900.
  • Amara, nacida en xullo de 1873. Morreu en 1921.
  • Adriano Honorato Alejandro, nacido en marzo de 1875, morreu en novembro de 1876 a consecuencia dunha caída.
  • Valentina, nacida morta en febreiro de 1877.

Morreu Rosalía o 15 de xullo de 1885. Recordemos os seus derradeiros momentos a través do relato de González Besada:

«... recibió con fervor los Santos Sacramentos, recitando en voz baja sus predilectas oraciones. Encargó a sus hijos quemasen los trabajos literarios que, reunidos y ordenados por ella misma, dejaba sin publicar, dispuso se la enterrara en el cementerio de Adina, y pidiendo un ramo de pensamientos, la flor de su predilección, no bien se lo acercó a los labios sufrió un ahogo que fue el comienzo de su agonía. Delirante, y nublada la vista, dijo a su hija Alejandra: 'Abre esa ventana, que quiero ver el mar', y cerrando sus ojos para siempre, expiró »...

Dende Padrón, onde morreu Rosalía, non pode verse o mar. Impresionan esas últimas palabras dunha persoa para quen o mar foi unha perenne tentación de suicidio. Recordemos os seus versos:

Co seu xordo e costante mormorio
atráime o oleaxen dese mar bravío,
cal atrái dás serenas o cantar.
«Neste meu leito misterioso e frío
-dime-, ven brandamente a descansar».
El namorado está de min... ¡ o deño!
i eu namorada del.
Pois sairemos co empeño,
que se el me chama sen parar, eu teño
unhas ansias mortáis de apousar nel.

Rosalía penetraba, por fin, nese mar-morte onde tanto devecera por repousar.

Marina Mayoral


 
 Logo del Taller DigitalMantida polo Taller Digital        Marco legal       Accesibilidade 
    [Ficha]Ver ficha   [Correo]Enviar correo. (Atallo: tecla 9) 
© Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes