Selecciona una palabra y presiona la tecla d para obtener su definición.
Indice
Abajo

Libros galegos en Internet: Unha guía de recursos en liña

Henrique Neira Pereira



I.S.B.N. 978-84-15548-96-6






ArribaAbajo Unha carta de navegación para o océano da información

Este libro comezou sendo un traballo para o seminario 'Produción e empresa editorial. Tradición e novas tecnoloxías', impartido polo profesor Víctor Fernández Freixanes no curso de doutoramento 2005/06 da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. O obxectivo orixinal do traballo era referirse á situación do libro dixital galego en Internet, centrándose nos libros escritos en galego. Pero parecía interesante amplialo para estudar a presenza na rede do conxunto de libros dixitais producidos na comunidade en calquera lingua ou que sexan de interese para os lectores e lectoras de Galicia e que se poidan atopar en calquera das grandes bibliotecas dixitais do mundo, para consultar ou descargar de xeito legal.

Na actualidade, é posible e legal dixitalizar e difundir obras sobre as que xa non hai dereitos de autor, isto é, que son de dominio público. Ademais, hai outras das que foron cedidos os dereitos para unha edición dixital en concreto e de acordo con certas condicións (protección total dos dereitos ou cesión parcial dos mesmos). Pódese optar por manter tódolos dereitos outorgados pola Lei de Propiedade Intelectual ou facilita-la difusión e emprego da obra empregando unha licenza Creative Commons, moi de moda ultimamente, sen que por iso se perdan os dereitos básicos de propiedade intelectual.

Convén dicir así mesmo que hai quen dixitaliza obras sen consentimento dos titulares dos dereitos de autor, pero polo xeral estas soamente están dispoñibles durante unha pequena tempada na rede, e en calquera caso estudar isto non é o obxecto deste volume.

O día 19 de novembro de 2004 o presidente e fundador da compañía Microsoft, Bill Gates, aseguraba en Madrid que nos vindeiros anos non só vai cambiar a industria discográfica. Prognosticou só dez anos de vida para o soporte CD e pouco máis para o libro en formato tradicional -papel- e a exhibición de cine nas salas do xeito que se fai hoxe. Así, os discos compactos serían substituídos pola venda de música en liña -certamente un fenómeno en auxe-, os libros en papel irían desaparecendo conforme se espallasen os volumes en formato dixital -polo momento non- e no caso dos cines, se seguisen existindo, desaparecerían as películas en formato cinta polas de formato dixital -se cadra poderemos velo axiña-, mentres que para ver filmes na casa a solución sería pagar por descargalos a través de Internet e non amorear caixas con vídeos ou DVD no salón da casa -é posible que sexa así, conforme se espallen as conexións de banda ancha a Internet-.

No futuro veremos se son acertadas as predicións de Gates con respecto do libro, pero o caso é que probablemente non nos equivoquemos moito se dicimos que xa hai uns tres mil libros de autoras e autores galegos dixitalizados e consultables ou descargables en Internet.

Hoxe en día, facer un catálogo de publicacións dixitais producidas en Galicia é unha tarefa inabordable porque cada día aumenta o número de webs e blogs que achegan edicións dixitais da totalidade ou parte dun volume. Con todo, si existen varios sitios web con vocación de biblioteca e que ofertan para a súa consulta ou descarga desde uns poucos títulos ata máis dun milleiro de obras -non só libros, tamén relatos, audiolibros, etc-.

Boa parte destas obras soamente son consultables, é dicir, que forman parte dunha base de datos, e cando accedemos a ela podemos saber en que páxinas figuran determinadas palabras e mesmo le-lo parágrafo enteiro no que aparecen, pero non ler completo o libro. Isto é así para cumprir coas leis no caso dos volumes que aínda non son de dominio público, e sen dúbida o mellor exemplo é o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (http://www.ti.usc.es/TILG). Achega ó redor de 1.500 obras dixitalizadas e permítenos localizar palabras ou frases e libros e documentos galegos e en galego desde 1612 ata a actualidade. Se logo queremos consulta-lo documento ou libro podemos ir á biblioteca ou a unha librería e localizalo coas referencias facilitadas.

No caso dos libros descargables ou que se poden ler en liña podemos poñer como exemplo a Biblioteca Virtual Galega (http://www.bvg.udc.es), cunhas 1.400 referencias a documentos dixitalizados entre libros, audiolibros, vídeos, relatos, poemas e outros textos de autores e autoras clásicos e contemporáneos. Moitos deses documentos están dispoñibles nun ou varios formatos, mentres que noutros casos só hai unha descrición pero non está en liña o contido.

Así pois, en Internet non nos han faltar lecturas en lingua galega, sexa para imprimir en papel, para ver ou consultar no ordenador ou para lelas en calquera outro dispositivo electrónico que nolo permita -asistentes dixitais persoais, teléfonos móbiles, etc-.

Esta obra pretende fundamentalmente achegar pistas e servir de guía para dar unha idea dos libros dixitais que podemos encontrar no ciberespazo -seguramente hai moitos máis- que poidan ser de interese para a comunidade de internautas de Galicia, estean na lingua na que estean. En definitiva, ser unha carta de navegación para o océano da información que é Internet.

Os enderezos de webs que se facilitan neste libro foron revisados e eran accesibles con data de 20 de decembro do 2006. Polas propias características de Internet calquera deles pode deixar de estar dispoñible durante unha tempada ou definitivamente, e os contidos aparecer noutra web. Por iso, se non aparece algunha das webs das que falamos, o recomendable é empregar un buscador por se cambiou de enderezo na rede de redes.




ArribaAbajo Libros e soportes

O 'Diccionario da Real Academia Galega' na súa edición en papel de 1997 define libro co significado que aquí imos tratar como «1. Conxunto de follas escritas ou impresas, cosidas ou pegadas entre si e encadernadas. 2. Obra impresa científica ou literaria, ou sobre outras materias». O 'Diccionario de la Real Academia Española' actualizado en 2004 achega unha definición moito máis ampla da cal nos interesa especialmente a segunda acepción, que di «2. Obra científica, literaria o de cualquier otra índole con extensión suficiente para formar volumen, que puede aparecer impresa o en otro soporte».

Os dous dicionarios poden consultarse hoxe en día en Internet, o primeiro no enderezo http://www.edu.xunta.es/diccionarios/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.htmll e o segundo en www.rae.es.

O da Real Academia Galega publicouse en novembro do ano 1997 en soporte papel e chegou á web da Consellería de Educación en Internet en maio do 2001. A edición impresa do da Real Academia Española é do ano 2001, e na edición en Internet, a partir de abril do 2005 incorporou a aquela máis de 12.000 modificacións aprobadas desde que se pechou a edición do 2001 e ata o mes de xuño do 2004.

A definición da obra da RAG quedou anticuada porque non contemplaba a posibilidade de que o libro existise noutro soporte diferente ó papel, e iso que no ano 1997 xa existían libros en CD-ROM e mesmo en Internet. A normativa na que se publicou tamén está hoxe anticuada porque na actualidade está vixente a que aprobou a Real Academia Galega en xullo do ano 2003. Con todo, non por iso deixa de ser útil contar na rede de redes cun volume de consulta coma este, e máis útil sería se se aproveitaran, como fixo a RAE, as posibilidades de actualización que achega Internet para poñer ó día o dicionario.

Máis recentemente, o 10 de marzo do 2006 presentouse publicamente o primeiro dicionario preditivo galego para teléfonos móbiles. Para denominalo seguramente sería mellor a palabra vocabulario, posto que se trata dunha listaxe de palabras máis que dun dicionario propiamente dito, pois non achega definicións. Pero sen dúbida é unha mostra de como os textos en lingua galega, os libros en lingua galega, poden lerse en diferentes soportes: en papel, na pantalla dun ordenador -de sobremesa ou portátil-, na dun teléfono móbil, na dun asistente dixital persoal, na dos novidosos Ultra Mobile PC (UMPC, máis pequenos que ordenadores portátiles e máis grandes que os asistentes dixitais persoais) ou na de calquera outro dispositivo que posibilite ler un texto gardado en formato electrónico ou dixital, posto que se usan estas dúas palabras indistintamente. E o bo é que a publicación nun soporte non impide que se faga ó mesmo tempo noutros, aínda que os xeitos nos que se consulten os libros en cada un deles non teñen por que ser idénticos.

'O home inédito', de Carlos G. Meixide, que Ediciós A Rotonda (www.arotonda.com) presentou como a primeira novela galega para ler no móbil, chegou á rede o 4 de novembro de 2005 e pódese ler perfectamente tamén nun ordenador ou nun asistente dixital persoal, de aí que se puidese baixar en tres formatos diferentes desde a web da editorial para ler fóra de liña (sen necesidade de estarmos conectados á rede). Temos aquí unha mostra de libro que non se publicou en papel, só en formato dixital. A 20 de decembro do 2006 seguía existindo o dominio desta editorial virtual pero non atopamos ningún contido nel. O libro si foi posible descargalo en formato PDB (eReader) desde a web http://www.canalpda.com/displayarticle624.html.

Do mesmo xeito que o dicionario da RAG, o poemario de María Lado 'berlín' publicouse primeiramente como libro tradicional, dentro da colección Poeta en Compostela da Concellaría de Cultura compostelá e do Grupo Correo Gallego, e coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Despois, a autora púxoo a disposición da comunidade de internautas, indicando como descargalo desde o seu blog http://casatlantica.blogspot.com. Fronte ó dicionario da RAG en liña, que só podemos consultar en liña como base de datos, a obra de María Lado pódese descargar para ler enteira.

Outro caso: na década dos noventa, o Grupo Correo Gallego comezou a publicar unha guía de empresas de Galicia e do Norte de Portugal na que achegaba unha serie de datos sobre un determinado número de compañías, número que foi aumentando cos anos. Nas primeiras edicións, a guía en formato papel publicouse acompañada dun disquete que contiña unha base de datos. Nela podíanse localizar empregando un ordenador as informacións contidas no tradicional libro, e ademais de modo máis rápido que pasando as páxinas. Pouco despois o disquete foi substituído polo CD-ROM e xa desde o ano 1999 e ata o 2005, ademais de en papel e en CD-ROM os datos podían consultarse na edición dixital de 'El Correo Gallego', en www.elcorreogallego.es. Sen dúbida outra boa mostra de como se pode dispoñer a mesma información en catro soportes diferentes: papel, disquete, CD-ROM e Internet.

Entre os tres libros últimos ademais das diferenzas de formatos de edición hai outra, e é o prezo. O volume de Meixide distribúese de balde pola rede baixo a licencia Creative Commons, que permite a difusión libre da obra. O poemario de María Lado distribuíuse na edición en papel de balde para os lectores e lectoras de 'El Correo Gallego' en Santiago -asumindo o custo de produción e distribución a Concellaría de Cultura compostelá e o Grupo Correo Gallego- e entrégase igualmente de balde para quen o descarga desde Internet. No caso da guía de empresas, a versión en papel vendíase conxuntamente co disquete ou o CD-ROM, mentres que a versión en liña se podía consultar de balde, financiándose a súa publicación na rede mediante a publicidade colocada no apartado da web do xornal dedicado á guía. Neste caso era de consulta libre pero non de distribución libre.

Son só tres mostras de libros galegos publicados en formato dixital. Se puideramos contabilizar tódolos que hai xa en Internet probablemente falariamos xa dunha cifra próxima ós tres milleiros, incluíndo audiolibros e videolibros, aínda que non todos son descargables, senón que moitos deles están incluídos en bases de datos mediante as cales só é posible consultar unha parte dos contidos. O problema de contalos está en que polo de agora non existe, que saibamos, ningún catálogo de libros dixitais galegos. No caso dos libros en papel, polo regular unha vez que saíron do prelo podemos localizalos en librerías e pouco despois, ou ás veces ó mesmo tempo, en bibliotecas. Pero cando calquera editorial ou persoa física desexa publicar un libro con tódalas garantías que lle ofrece a lei sabe que debe entregar varios exemplares para o depósito legal, exemplares que se destinan a conservación e para a súa consulta en bibliotecas. Moitos deles levan ademais o ISBN (International Standard Book Number) e cada ano fanse estatísticas oficiais sobre o número de libros que se publican e a lingua na que se escribiron.

En Internet calquera persoa cun dispositivo electrónico axeitado conectado á rede (non ten por que ser un ordenador) pode converterse en editor ou editora. Só fai falta o equipamento mencionado, o contido a publicar e a vontade de facelo. Na rede poderanse encontrar servidores que permitan aloxar de xeito gratuíto ou case unha web ou o blog e colocar aí o libro para baixar. E o mesmo para promocionalo e conseguir que se lea: facendo uso de servizos de correo electrónico ou de mensaxes para teléfonos móbiles non ha resultar difícil promocionalo. E non é preciso envialo a ningún depósito legal nin solicitar permiso ningún para facelo.

Isto, evidentemente, proporciona unha enorme liberdade, o cal non quere dicir que non haxa que axustarse ás leis vixentes para outras cuestións, por exemplo no referido á protección do dereito á honra das persoas, protección da infancia, lei de propiedade intelectual, etc. Cando publicamos na rede estamos suxeitos ás mesmas normas que cando publicamos en papel, salvo polo feito de que, se non queremos, non temos por que pasar ningún trámite administrativo entre a publicación do contido e a obtención do mesmo por parte das persoas que o desexan ler.

Como apuntamos, isto complica a localización de libros e outros documentos, mesmo nalgúns casos aínda que teñamos práctica usando os buscadores. Pero existen solucións que poden axudar. Así, o xefe do Servizo do Libro da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Enrique Quintáns, anunciou o 16 de novembro do 2006 que proximamente haberá un metabuscador que facilite información sobre os fondos de bibliotecas públicas e privadas da comunidade. Quintáns fixo o anuncio no III Simposio do Libro e da Lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores (AGE) e celebrado en Santiago de Compostela. E afirmou que desde a Xunta se pretende poñer en liña a maior parte dos servizos de «máis de mil» bibliotecas, contando coas escolares, así como contidos electrónicos «preseleccionados». Este metabuscador estaría dispoñible en Internet e indicaría non só os recursos bibliográficos existentes en toda Galicia, senón tamén as súas condicións de uso e unha ficha extensa sobre a obra.

Malia que nos poida levar algo de tempo localizalos na rede, entre as vantaxes dos libros dixitais hai que dicir que as bibliotecas virtuais están en liña as vinte e catro horas do día sempre que non haxa problemas informáticos ou coa rede, e que nelas as obras poden ser descargadas ou consultadas por varias persoas a un tempo, polo que non hai que agardar que haxa exemplares dispoñibles coma no caso dos volumes en papel. Os libros dixitais ocupan espazo en disco pero non espazo físico, polo que para o caso de libros de uso pouco frecuente ou nos que se consulten datos concretos en vez de lelos pode resultar moi útil te-las versións dixitais. Ademais, por medio de aplicacións informáticas podemos localizar rapidamente en que páxinas se atopan unha ou varias palabras dadas. E no caso dos libros gratuítos a difusión pode ser moito máis rápida que se se venden en papel en librerías.

Entre os inconvenientes, apunta-lo feito de que non sabemos se os formatos informáticos nos que se están almacenando os libros dixitais hoxe en día van ser compatibles cos ordenadores e outros dispositivos electrónicos o día de mañá, aínda que supoñemos que no caso de futuras incompatibilidades existirá algún xeito doado de pasalos a un novo formato.

Actualmente existen dúas opcións básicas para os libros e publicacións dixitais que se desexan difundir libremente a través de Internet: texto e imaxe. Moitos dos libros que compoñen os fondos das bibliotecas virtuais son reproducidos a partir de edicións en papel. O habitual é que as páxinas sexan escaneadas ('fotografadas') e que logo se pasen por un software de recoñecemento óptico de caracteres (OCR, Optical Character Recognition), unha tecnoloxía de recoñecemento de caracteres impresos ou escritos a man en formato papel que converte os trazos incluídos nunha imaxe en caracteres manipulables en procesadores de textos.

Esta tecnoloxía é moi empregada para incrementa-los fondos das bibliotecas virtuais porque as aplicacións informáticas de recoñecemento de textos permiten converter o que en principio é unha imaxe escaneada dunha páxina dun libro, en caracteres dos que empregan os procesadores de texto. Conforme se foron espallando as conexións de banda ancha, as bibliotecas comezaron a ofrece-los libros cando é posible polo menos en formato imaxe ou en formato texto, ou nos dous formatos, sen descartar outras opcións coma o audiolibro.

O feito de que os libros estean en formato texto permite localizar unha palabra ou expresión no seu contido, mentres que a imaxe facilita unha reprodución visual exacta da edición orixinal. Algunhas webs dispoñen de servizos que nos permiten ve-lo libro en formato imaxe pero ó mesmo tempo localizar nesas fotografías unha palabra ou palabras, como se o estiveramos vendo en formato texto.

Unha vez que mencionamos xa os formatos de disposición dos contidos -texto e imaxe- podemos tratar xa dos formatos informáticos máis empregados para difundir as obras. Un dos máis populares, que permite descargar un libro completo con texto e imaxes é o PDF, un formato para documentos dixitais da compañía Adobe, pero existen moitos outros, como o LIT de Microsoft.

Chámaselles formatos propietarios e para ler libros almacenados neles é preciso contar con aplicacións informáticas producidas por esas empresas. No caso do PDF, probablemente é xa o formato estándar, o máis empregado, para libros e documentos colocados para descargar desde Internet con rapidez e con fidelidade ó orixinal. Para abrir documentos PDF precisamos contar coa aplicación Reader facilitada por Adobe, que é gratuíta. O beneficio sácao o fabricante vendendo a aplicación que se precisa para crear ese tipo de documentos ou mediante acordos con outras compañías informáticas para que se poidan usar as súas aplicacións para esa función. Con todo, na actualidade xa existen aplicacións alternativas para crear arquivos PDF sen emprega-la de Adobe.

En calquera caso, a evolución e converxencia de tecnoloxías durante os vindeiros anos decidirá se este seguirá sendo o formato máis popular, e sobre todo serán anos cruciais para saber se o tradicional libro en papel subsistirá sen problemas ou se comezarán a lanzarse simultaneamente edicións en papel e dixitais das novidades editoriais. O éxito ou fracaso de novos dispositivos electrónicos que chegarán ó mercado proximamente será a clave.




ArribaAbajo Bibliotecas virtuais

Co dispersión de recursos propia de Internet, podemos encontrar libros en multitude de webs. Con todo, da mesma maneira que hai bibliotecas na vida real, hainas no mundo virtual. Nas que contan con sede física, encontraremos libros en soporte papel e se cadra nalgún outro soporte físico, polo que poderiamos chamarlles a estroutros contidos biblioteca dixital: cassettes ou CD -audiolibros-, vídeo ou DVD -videolibros-, disquetes, CD-ROM ou DVD-ROM -libros electrónicos-.

Nas bibliotecas virtuais ou dixitais en liña, é dicir, accesibles a través de Internet, obteremos contidos dixitalizados en diferentes formatos -texto, audio, vídeo, imaxes- que á súa vez poderán trasladarse a algún dos soportes físicos antes mencionados ou simplemente consultalos en calquera dispositivo electrónico apropiado.

E hai outra diferenza entre as bibliotecas físicas e as virtuais. Nas primeiras, polo xeral os contidos que gardan e ofertan xa veñen elaborados, mentres que nas segundas poden facer iso, pero tamén resulta habitual que unha ou varias persoas se dediquen a dixitalizar libros ou a solicitarlles contidos a autores e autoras para incrementa-los fondos da colección, o que fai que debido a iso conten con fondos que non ten ningunha outra biblioteca virtual. E sen dúbida, todo isto que estamos aplicando ás bibliotecas virtuais sería válido para algunha librería virtual, coa diferenza de que neste último caso é máis probable que nos cobren dalgún xeito polos contidos.

Chegados a este punto queremos advertir que hai unha diferenza entre biblioteca dixital e biblioteca virtual. As dúas son coleccións de libros, pero a dixital pode, por exemplo, estar dispoñible só nun CD-ROM ou DVD. A virtual é tamén dixital pero caracterízase porque ademais diso os seus contidos son accesibles a través dunha rede como Internet.

Probablemente a expresión biblioteca virtual préstase a confusión en certa medida. Pensamos que o máis axeitado é definila como aquela que pon en liña algún ou a totalidade dos documentos que custodia, a través da Internet ou doutras redes telemáticas semellantes, sexan públicas ou privadas (coma as intranets). Pero esta expresión tamén se ten empregado para referirse ás bibliotecas que só ofrecían os seus catálogos de xeito virtual. Pensamos que neste último caso é máis correcto falar de catálogo virtual dunha biblioteca que dunha biblioteca virtual propiamente dita.

Na Wikipedia en inglés chámanlles a estes catálogos 'virtual libraries' en tanto que ás bibliotecas que ademais de catálogos ofertan contidos dixitalizados chámanlles 'digital libraries'. Pola nosa parte pensamos que non ten sentido facer esta diferenciacións e si, como dixemos, distinguir entre bibliotecas virtuais/dixitais e catálogos virtuais/dixitais.

A primeira biblioteca/catálogo virtual de Internet foi creada en 1991 por un dos 'pais' da rede, o físico Tim Berners-Lee, e hoxe en día pode accederse a ela desde http://vlib.org. Trátase dun directorio de recursos en Internet agrupados por categorías.

En canto ó primeiro proxecto de biblioteca dixital, dise que Michael Hart comezou co seu proxecto Gutenberg en 1971, e hoxe, coa axuda de centos de voluntarios que dixitalizan libros en papel e corrixen os textos dixitalizados, achega máis de 20.000 libros en www.gutenberg.net.




ArribaAbajo Bibliotecas virtuais galegas

A seguir achégase unha listaxe de webs galegas que dispoñen de volumes dixitalizados para a súa consulta ou descarga, e que polas súas características se asemellan ás bibliotecas reais: teñen un catálogo mediante o cal podemos acceder ás obras e as súas coleccións vanse incrementando co tempo. A semellanza é maior no caso das que permiten baixar obras completas, e menor naquelas nas que só é posible consultar fragmentos de obras, pero en calquera caso isto xa é máis que un catálogo e por iso as incluímos nesta categoría. Sen dúbida son unha ferramenta formidable para o ensino, tanto en aulas físicas como en aulas virtuais -cada vez é máis importante o teleensino-. Despois deste apartado vén outro onde indicaremos unha serie de webs que non consideramos propiamente bibliotecas porque dispoñen de poucos fondos e non posúen un catálogo dos mesmos, aínda que como as que consideramos que son plenamente bibliotecas virtuais permiten que as persoas que as visitan poidan descargar ou ler unha ou máis publicacións en formato dixital.

BIBLIOTECA DIXITAL DE GALICIA

http://www.csbg.org/bibliotecadixital/asp/index.asp

Dependente do Centro Superior Bibliográfico de Galicia da Consellería de Cultura, «pretende ofrecer, ademais da referencia Bibliográfica dos impresos, a imaxe e polo tanto o acceso ó documento dunha importante parte do Patrimonio Bibliográfico Galego ou de interese para Galicia». Na web está previsto dar acceso a cartografia, gravados, manuscritos, monografias e prensa. Polo de agora só están activos o apartado de cartografía -varios centos de mapas de Galicia ou de zonas da comunidade- e o de prensa -no que hai reproducións de páxinas de máis de cen cabeceiras de prensa galegas que xa non se editan hoxe en día-. No caso da prensa, nalgunhas publicacións o contido pode consultarse en formato texto (en termos técnicos texto ASCII e PDF) e imaxe (TIFF).

Unha proposta que facemos para esta biblioteca dixital é que no apartado de monografías se vaia creando xa un directorio de todos aqueles libros dixitalizados que consellerías, institutos e outros organismos da Xunta de Galicia ou dependentes dela van publicando nas súas webs de xeito independente. Cremos que sería unha proposta complementaria e compatible co metabuscador que xa anunciou o xefe do Servizo do Libro Enrique Quintáns para localizar fondos nos catálogos das bibliotecas públicas e privadas de Galicia.

BIBLIOTECA VIRTUAL DA ESTRADA http://www.aestrada.com

Na web do Concello pontevedrés da Estrada, no apartado de Cultura e subapartado Persoeiros das letras podemos atopar un catálogo de escritores e escritoras estradenses ou relacionados con este concello e varias obras ou fragmentos de obras para descargar, entre elas algunhas de Marcial Valladares, o pioneiro da novela en galego no século XIX.

BIBLIOTECA VIRTUAL DE LITERATURA UNIVERSAL EN GALEGO

http://www.bivir.com

O proxecto da Asociación de Tradutores Galegos quere ofrecernos «ós lectores galegos a literatura universal na nosa propia lingua». Estas traducións de obras universais son propiedade intelectual dos tradutores e tradutoras e poden empregarse libremente para uso particular ou docente, mentres que para calquera edición venal dos textos se deberá contactar con eles. Posúe máis de cen obras, coma 'A máquina do tempo' de Herbert George Wells ou 'A lenda de Sleepy Hollow', de Washington Irving.

BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA

http://www.bvg.udc.es

Naceu no ano 2002 coa idea de «chegar a ser o grande Portal Web da literatura e a cultura galegas», tal como se explica na web, e desde aquela xa recibiu case un millón e medio de consultas. A iniciativa púxoa en marcha un grupo de traballo interdisciplinar de especialistas en Filoloxía Galego-Portuguesa e Informática (Laboratorio de Bases de Datos) da Universidade da Coruña, que contan coa colaboración de numerosas persoas e institucións para incrementar fondos. A directora do equipo filolóxico é Pilar García Negro e a directora do equipo informático Nieves R. Brisaboa.

O sitio web está aloxado nos servidores da Universidade da Coruña e achega obras completas e fragmentos en formato textual, imaxe (reproducións fotográficas das páxinas), audio e audiovisual, así como biografías de autores e autoras. Dispón de obras de narrativa, poesía, teatro, literatura infantil e xuvenil, ensaios e outros xéneros. O catálogo é de fácil acceso e podemos consultar por autoría, por título, por xénero, por formato...

Inclúe tanto textos completos de descarga libre como fragmentos de libros ou textos cedidos polos seus autores e autoras, e suxeitos á lexislación vixente no referente á súa reprodución e difusión. Encontraremos textos clásicos e contemporáneos, desde os 'Cantares Gallegos' de Rosalía de Castro ata as 'Cousas da Vida' de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Entre as referencias bibliográficas (sen contido anexo), libros, textos e contido noutros formatos, o catálogo desta biblioteca inclúe máis de 1.400 documentos. Mais non tódolos documentos dos que hai referencias bibliográficas están dispoñibles para a súa lectura ou descarga.

CENTRO RAMÓN PIÑEIRO

http://www.cirp.es

A web do compostelán Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten un apartado de recursos en liña cun 'Diccionario de termos literarios' e os 'Informes de literatura' para baixar, así como bases de datos en liña de libre acceso para investigadoras e investigadores que inclúen milleiros de documentos textuais de diferentes épocas e referencias bibliográficas. Trátase de MedDB, base de datos da lírica profana galego-portuguesa; Bilega, bibliografía informatizada da lingua galega; Corga, corpus de referencia do galego actual do que existen dúas versións, para as cales se dixitalizaron libros galegos e outro tipo de textos e Codolga (Corpus documentale latinum gallaeciae). Entre outros proxectos de interese, en colaboración coa Universidade de Vigo, o Centro desenvolveu un conversor texto-voz adaptado para a lingua galega que se denomina Cotovía. Podería servir para que un ordenador lese en voz alta un texto que lle indicasemos.

CONSORCIO DE BIBLIOTECAS UNIVERSITARIAS DE GALICIA

http://www.bugalicia.org

Se accedemos a esta web desde algún ordenador da rede das tres universidades galegas podemos consultar coleccións que achegan milleiros de libros electrónicos en varias linguas. O acceso tamén se pode facer desde o portal da biblioteca de cada unha das tres universidades galegas, pero de igual xeito precísase que o ordenador estea conectado á rede universitaria. As bibliotecas das tres universidades poñen en rede os catálogos das súas bibliotecas físicas en http://www.biblioteca.udc.es (Universidade da Coruña); http://busc.usc.es (Universidade de Santiago) e http://www.uvigo.es/biblioteca/index.gl.htm (Universidade de Vigo).

CULTURA GALEGA.ORG

http://www.culturagalega.org

O soportal LG3 de Culturagalega.org dispoñía, ata o 20 de decembro de 2006, de 175 documentos para descargar, a maioría deles procedentes da biblioteca virtual do Consello da Cultura Galega. Atopamos desde libros de historia coma 'Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico' de Antonio Rodríguez Colmenero, Santiago Ferrer Sierra e Rubén D. Álvarez Asorey ata libros sobre o medio natural coma 'A natureza ameazada', en edición de Ernesto Viéitez Cortizo e José Manuel Rey Salgado.

GALILIBROS

http://gl.wikibooks.org/wiki/Portada

Un dos proxectos nacidos ó abeiro da coñecida enciclopedia en liña Wikipedia (www.wikipedia.org). A diferenza doutras webs que dispoñen os libros para poder descargar como un único documento, nesta os libros están deseñados para consultar en liña e teñen sobre todo contido práctico. A 20 de decembro de 2006 atopamos 28 documentos, entre eles un 'Curso de lingua galega' e 'Alemán. Manual de lingua alemá'. Proxectos irmáns son a enciclopedia galega en liña Galipedia (http://gl.wikipedia.org) e o dicionario galego en liña Galizionario ( http://gl.wiktionary.org).

INSTITUTO DA LINGUA GALEGA

http://www.usc.es/ilgas

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago dispón de dúas xoias de grande interese para as persoas dedicadas á investigación en humanidades: o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (http://www.ti.usc.es/TILG) e o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, que está aloxado na web do Centro Ramón Piñeiro (http://www.cirp.es).

O director do proxecto do Tesouro Informatizado da Lingua Galega, que comezou en 1986 co apoio da Consellería de Educación, é o académico e ex director do ILG Antón Santamarina. Os textos incluídos nesta base de datos están escritos en lingua galega, e van «desde o 'Soneto' de Pedro Bázquez de Neyra recollido na 'Relación de las exequias que hizo la Real Audiencia del Reyno de Galiçia a la Magestad de la Reina Dª Margarita de Austria nra. Señora', de 1612, ata a actualidade (varios textos de 2002)», segundo se informa na propia web. O número de obras incluídas ata o mes de novembro de 2004 é de 1.464, «que van desde a extensión dunha décima ata moitos centos de páxinas» e «como era esperable entre os autores literarios baleirados están os grandes clásicos da literatura galega en todos os xéneros (Rosalía, Pondal, Curros, Cotarelo, Castelao, Cunqueiro...), pero tamén hai moitos escritores menores».

Aquí non podemos consultar un libro completo, pero si saber en que páxina e en que liña dunha obra das que están dixitalizadas aparece unha palabra ou palabras, o que pode ser de grande axuda á hora de buscar información ó redor dun tema determinado. Como veremos máis adiante, este proxecto ten algunhas similitudes co do portal Google, xa que neste hai obras que non se poden consultar completas debido ós dereitos de autor.

O Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TILG), dirixido por Xavier Varela, é un proxecto do ILG que permite consultar a presenza de determinada palabra ou palabras na documentación medieval dixitalizada.

REAL ACADEMIA GALEGA

http://www.realacademiagalega.org

A centenaria institución con sede na Coruña dispón de tres apartados na súa web desde os que se poden descargar documentos: biblioteca virtual, hemeroteca virtual e publicacións. Na biblioteca virtual podemos consultar polo de agora 25 obras, como o 'Cantigueiro popular' de Marcial Valladares ou 'A tecedeira de Bonaval', de Antonio López Ferreiro. Na hemeroteca virtual hai 29 publicacións, entre elas 'Diario de Santiago' ou 'A Fuliada'. No apartado de publicacións, podemos descarga-lo discurso de ingreso na RAG de varios académicos, por exemplo 'Desafíos para un novo século: entre a Trabe de Ouro e a paxariña de Armenteira', lido por Víctor F. Freixanes no 2004. Ademais, na web da RAG están os catálogos tanto da biblioteca coma da hemeroteca da institución.

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

http://www.udc.es

Nos servidores da Universidade da Coruña está aloxada a web da Biblioteca Virtual Galega, que xa citamos, en http://www.bvg.udc.es. O catálogo da biblioteca física está en http://www.biblioteca.udc.es, desde onde podemos ter acceso a outras publicacións electrónicas.

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

http://www.usc.es

A Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago (http://busc.usc.es) ten no seu sitio en Internet a disposición dos internautas o catálogo das súas bibliotecas físicas e máis de mil volumes e documentos dixitalizados. No apartado 'Coleccións dixitais' en http://busc.usc.es atoparemos catro subapartados: Fondos xerais, con libros dixitalizados do fondo antigo non galego da Biblioteca Universitaria, que a 20 de decembro do 2006 eran un total de 75; Galicia, libros dixitalizados do fondo galego de manuscritos e impresos publicados entre 1525 e 1850 pertencente á Biblioteca Universitaria, que incluía 1.149 na mesma data; Teses USC, que achega 90 defendidas na Universidade de Santiago a partir do ano 2005 con autorización para edición en acceso aberto e Prensa galega, con 76 títulos de prensa e revistas dixitalizadas de fondo antigo galego.

Ademais na web da Universidade hai nove volumes dixitalizados que achegan bibliografía sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas en 1992 e 1993 e de 2000 a 2006 en http://busc.usc.es/A_BUSC_dixital/letrasga.asp. Pola súa parte, o Servizo de Normalización Lingüística da USC ten catorce vocabularios e léxicos dispoñibles para descargar en http://www.usc.es/snl/term/andel-term_SNL.htm. En distintos apartados da web da USC podemos descargar informes e libros dixitais coma o 'Manual de Imaxe Corporativa e Identidade Visual' en http://www.usc.es/imaxeusc.

UNIVERSIDADE DE VIGO

http://www.uvigo.es

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo pon ó noso dispor varias publicacións dixitais en http://www3.uvigo.es/normalizacion/index.asp. O Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (Cluvi), contén libros e outros textos dixitalizados aínda que só os podemos consultar a través dunha base de datos e non lelos por enteiro; accesible en http://sli.uvigo.es/CLUVI. En http://www.uvigo.es/biblioteca/index.gl.htm está o catálogo da biblioteca física da Universidade de Vigo, desde o cal se facilita o acceso a bibliotecas dixitais.




ArribaAbajo Outras webs galegas que achegan libros ou catálogos dixitais

Probablemente non podemos consideralas bibliotecas -por exemplo non dispoñen de catálogo de obras-, pero poñen o seu grao de area virtual para incrementa-lo patrimonio bibliográfico galego en Internet. Persoas, empresas e entidades varias fan que este medre de xeito continuo. Evidentemente esta é só unha escolma, pois polas características de Internet semella case imposible a día de hoxe confeccionar unha relación exhaustiva de webs onde hai libros virtuais galegos ou sobre Galicia.

A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

http://www.amesanl.org

Na súa sección de mediateca achega unha escolma de textos de Manuel María, así como artigos e informes. No apartado de 'Que facemos' aparece a edición dixital do libro '1.410 nomes galegos de home e de muller', de Mercedes Espiño Amil, publicado en soporte papel en 1993 en colaboración con 'El Correo Gallego'.

AGAL

http://www.agal-gz.org

O Portal Galego da Língua dispón dunha edición dixital do dicionario Estraviz e mais un dicionario de fraseoloxía (os dous en galego reintegracionista), así como dunha colección de cantigas medievais e algo máis dunha ducia de libros dixitais de temática diversa que se poden descargar.

ARQUIVOS DE GALICIA

http://www.arquivosdegalicia.org

Existen en liña catálogos da documentación conservada nestes arquivos (do Reino de Galicia, provinciais, Diocesano de Santiago...), incluído algún catálogo dixitalizado e outros documentos como memorias ou informes en formato libro.

AUTORESGALEGOS.ORG

http://www.autoresgalegos.org

Non é unha biblioteca virtual nin achega libros dixitalizados, pero si indica como encontrar algúns. Trátase dunha web que achega datos sobre autores e autoras de Galicia e entre a información de cada biografía figuran webs onde se poden atopar textos deles ou sobre eles.

BATALLÓN LITERARIO DA COSTA DA MORTE

http://www.finisterrae.com/batallon/nos/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.html

Finisterrae.com aloxa a web do Batallón Literario da Costa da Morte, que inclúe o libro virtual 'Nós'.

CESGA

http://www.cesga.es

A falta de atlas dixitalizados, ben pode valer o servidor de mapas do Cesga, visitable en http://www.cesga.es/content/view/498/84/lang.gl e que mostra sinxelos mapas interactivos de Galicia (físico, administrativo e de solo empresarial) e do mundo (físico e político). Hai outras publicacións dixitais para descargar, galegas e non galegas, desde a revista 'Díxitos' ata informes técnicos. Neste apartado explica que formatos son máis axeitados para crear libros dixitais: http://www.cesga.es/content/view/397/48/lang,gl.

CIG

http://www.galizacig.com

O sitio web da Confederación Intersindical Galega pon a disposición dos internautas publicacións referidas ós ámbitos laboral, lingüístico e migratorio, entre elas o 'Estatuto dos traballadores' e o 'Manual de saúde laboral'.

CONCELLO DE BOQUEIXÓN

http://www.boqueixon.com

Dispón xa dun apartado de Biblioteca Virtual pero polo de agora só hai un libro, unha unidade didáctica descargable en PDF sobre o pintor boqueixanés Gregorio Ferro, contemporáneo e competidor de Francisco de Goya.

CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA

http://www.ccontasgalicia.es

Achega ducias de informes de fiscalización en PDF, o que facilita a súa consulta para localizar contido neles.

CRTVG

http://www.crtvg.es/adicc/priportadaeleccion.htm

O portal da Compañía de Radio e Televisión de Galicia dispón dun dicionario galego con máis de 7.000 entradas.

E-GALEGO

http://e-galego.cesga.es/inicio.htm

Este curso multimedia de lingua galega en liña tamén existe como libro dixital interactivo fóra da rede (off line) en formato CD-ROM.

EDICIÓS DA ROTONDA

http://www.arotonda.com

Proxecto editorial para a produción de contidos de libre distribución, incluíndo textos, imaxes, audio e vídeo. Comezaron a andaina coa publicación de 'O home inédito' de Carlos G. Meixide, que se presenta como a primeira novela galega editada para móbiles. A 20 de decembro do 2006 non se podía acceder á web. Como alternativa podemos descargar esta obra e a aplicación precisa para lela desde o enderezo: http://www.canalpda.com/displayarticle624.html

EL CORREO GALLEGO

http://www.elcorreogallego.es

O xornal compostelán ten versión dixital da 'Guía da comunicación de Galicia' (accesible desde a portada), dispoñible tamén en papel. Como outras cabeceiras dixitais, permite facer buscas directas nas bases de datos das guías telefónicas españolas, tanto nas páxinas brancas coma nas amarelas. Anteriormente publicaba en Internet a 'Guía municipal de Galicia', a guía '5.000 empresas de Galicia' e o 'Anuario', todas elas dispoñibles só en papel agora, salvo a guía empresarial que se publica acompañada dun CD-ROM.

EL PENDOLINO

http://galeon.hispavista.com/usa/liter2es.htm

Novela en liña de Enrique Vázquez Pita.

FUNDACIÓN SANTIAGO REY FERNÁNDEZ LATORRE

http://www.fundacionsantiagoreyfernandezlatorre.com/publicaciones/index.jsp No apartado de publicacións dispón de tres obras sobre a crise do 'Prestige' dispoñibles para descargar.

GALCHIMIA

http://www.galchimia.com/gal/descargas.asp

A web da compañía galega Galchimia achega no apartado de descargas varias guías e manuais, entre eles o 'Glosario de termos empregados en Química Médica'.

GALEGO.ORG

http://www.galego.org

Dispón dun pequeno vocabulario galego-inglés-español

GALEGUIDADE.NET

http://www.galeguidade.net Ten dispoñible para descargar o ensaio de Manuel Casal Lodeiro 'O papel de Internet na conservación da cultura e identidade galegas entre os descendentes dos emigrantes'.

GALICIAENCANTADA.COM

http://www.galiciaencantada.com Enciclopedia da fantasía popular de Galicia que a través da súa páxina web nos amosa lendas tradicionais e recolle as que envían as persoas que o desexan.

GALIPEDIA

http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada Versión galega da Wikipedia, un proxecto internacional feito por persoas voluntarias, co propósito de elaborar unha enciclopedia libre, accesible, colaborativa e de balde en moitos idiomas. A Galipedia comezouse o 8 de marzo do 2003, a 20 de decembro do 2006 leva máis de 20.000 artigos e calquera persoa interesada pode botar unha man. Proxecto irmán do 'Galizionario' (http://gl.wiktionary.org) e de Galilibros (http://gl.wikibooks.org/wiki/Portada).

GALIZIONARIO

http://gl.wiktionary.org Dicionario galego en liña con contidos que van incrementando os internautas. Comezouse o 5 de maio de 2004 e a 20 de decembro do 2006 levaba xa máis de 15.600 definicións. Proxecto irmán da 'Galipedia' (http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada) e de Galilibros (http://gl.wikibooks.org/wiki/Portada).

GULO

http://www.gulo.org

Xa existe un manual en galego para aprender cousas sobre o sistema operativo Linux. Titúlase 'Introdución a Linux e ó Software Libre' e elaborouno o Grupo de Usuarios de GNU/Linux de Ourense. Desde a mesma web pódense descargar outros libros e manuais.

IGREXA EN GALICIA

http://www.igrexa.org A web da Igrexa en Galicia achega un 'Diccionario de termos relixiosos para comunicadores' e dá acceso ás webs das dioceses. Na da arquidiocese de Santiago (www.archicompostela.org), podemos atopar en formato dixital a 'Guía diocesana' e descargar cancións para peregrinos en formato texto e audio, entre elas o himno ó Apóstolo Santiago coa letra de Juan Barcia Caballero. Na web da Conferencia Episcopal podemos atopar ademais textos da Biblia en galego: http://www.conferenciaepiscopal.es/pastoral/turismo.htm.

LA VOZ DE GALICIA

http://www.lavozdegalicia.es/biblioteca

Ofrece catro obras literarias para descargar, entre elas 'O Xabaril Branco' de Tucho Calvo, «primeiro libro electrónico publicado na rede en lingua galega antes da súa publicación en papel». A súa publicación realizouse no 2001.

LIBROS INTERACTIVOS MULTIMEDIA

http://educalim.com/libros.htm

Nesta web preséntannos unha interesante modalidade de libros, os interactivos, que se benefician tanto das posibilidades de interacción que ofrece un ordenador como das opcións que achega Internet. En galego está como mostra un libro interactivo de educación vial.

LUAGRIS.NET

http://www.luagris.net

Web do escritor Eduardo Estévez, que en xaneiro de 2006 comezou a construción en liña dun novo poemario. Podemos ler ademais 'postais', un «poemario a catro mans» de Caro Erlich e Eduardo Estévez e 'mapas para describir a ausencia', outro poemario inédito de Estévez, íntegro, así como unha recolleita de textos do autor aparecidos en edicións colectivas e publicacións periódicas.

MANCOMUN.ORG

http://www.mancomun.org

Web da Iniciativa Galega polo Software Libre, que na súa sección de descargas inclúe informes e mesmo libros como 'Software Libre: Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto' de Jordi Màs.

MOLEIRO

http://www.moleiro.com O editor galego Manuel Moleiro permite ver na súa web fragmentos dos libros 'case-orixinais' que imprime.

MORTE NA MURALLA

http://www.mortenamuralla.com

Novela do lugués José Estévez López, que o autor foi transformando coas achegas das persoas que visitaron a web e lle enviaron comentarios. Achega así mesmo outras tres publicacións: 'Fóra da lei', 'Víctimas da ira' e 'De ida e volta'.

MUSEO CASTELO DE SANTO ANTÓN

http://www.sananton.org

O Museo Arqueolóxico Castelo de Santo Antón da Coruña pon á nosa disposición varios textos sobre arqueoloxía, como 'Galicia na Prehistoria' de J.M. Bello Diéguez, J.M. e A. de la Peña Santos (1995) ou 'Pontevedra: los orígenes del asentamiento humano', de A. de la Peña Santos (1996), fragmento da 'Historia de Pontevedra' da autoría deste e doutros autores. A 20 de decembro do 2006 a web estaba pechada por reformas, polo que non se podía consultar ningunha das obras.

MUSEOCASTELAO.ORG

http://www.museocastelao.org/produccion.html

Neste apartado da web do Museo Castelao hai unha escolma de textos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coma 'Un ollo de vidro. Memorias d'un esquelete' (1922), unha selección de cinco relatos de 'Cousas' (1926-1929) e fragmentos de 'Retrincos' (1932), 'Os dous de sempre' (1934) e 'Os vellos non deben de namorarse' (editada en 1953, pero orixinal de 1941). Ademais podemos ve-lo álbum 'Nós' en http://www.museocastelao.org/albumnos/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.htmll.

MUSEOS DE GALICIA

http://www.museosdegalicia.com

Achega información sobre os museos e permite visita-los seus sitios web, desde os cales podemos obter información sobre as súas bibliotecas e mesmo algúns recursos en formato libro ou folleto, como unidades didácticas, por exemplo as do Museo do Castro de Viladonga.

PARLAMENTO DE GALICIA

http://www.parlamentodegalicia.com/contenido/GAL/pags/lexislacion.htm

Dispón de versións dixitais en galego da 'Constitución Española' e do 'Estatuto de Autonomía de Galicia'.

SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ

http://www.sgep.org

Achega varios informes e textos sobre a cultura de paz na sección de documentos.

SOGAMA

http://www.sogama.es

A Sociedade Galega do Medio Ambiente pon a disposición de profesores e estudantes e da comunidade de internautas en xeral guías sobre a recollida selectiva dos residuos urbanos.

XUNTA DE GALICIA

http://www.xunta.es

Na web da Xunta de Galicia atoparemos múltiples publicacións dixitais en distintos formatos e en distintos apartados. Na portada, por exemplo, temos xa o 'Estatuto de Autonomía de Galicia', a 'Guía da comunicación de Galicia' e 'Toponimia de Galicia', esta última como base de datos.

E practicamente cada consellería ou departamento pon na rede publicacións dixitais. Atoparemos desde o 'Diccionario da Real Academia Galega' e 'Diccionario de pedagoxía' na de Educación en http://www.edu.xunta.es/diccionarios/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.htmll ata o 'Catálogo de encaixe galego tradicional' na de Innovación ou os informes do Instituto Galego de Estatística.

De interese tamén o visor de imaxes aéreas de Galicia situado en http://www.xunta.es/visor. O Fondo Galego de Garantía Agraria da Xunta de Galicia achega este servizo en liña, pensado para poder medir parcelas ou distancias de xeito aproximado sen ter que desprazarse ó lugar. Achega algunhas características diferenciadas do Sigpac do Ministerio de Agricultura.

VALEDOR DO POBO

http://www.valedordopobo.com

Permite descargar informes ordinarios e extraordinarios, entre os últimos os referidos á contaminación acústica, á marxinación ou á vellez.

VIEIROS

http://www.vieiros.com

Este portal dispón dalgunhas publicacións virtuais, como 'Por conto alleo', de Camilo Franco, en http://www.vieiros.com/rlts.asp.




ArribaAbajo Bibliotecas virtuais españolas

Como no caso das galegas, incluímos neste apartado webs que son bibliotecas virtuais ou cando menos dispoñen dun apartado de biblioteca, así como arquivos con documentos dixitalizados de interese para usuarios e usuarias de Galicia.

ARCHIVOS ESPAÑOLES EN RED

http://www.aer.es

Milleiros de documentos dixitalizados e catálogos en liña de arquivos estatais. Entre os documentos hai moitos referidos a Galicia, por exemplo preitos ou autorizacións a pasaxeiros para embarcarse cara ás Indias.

BIBLIOTECA DE RECURSOS DE UNIVERSIA

http://biblioteca.universia.net

O portal universitario iberoamericano Universia achega unha biblioteca de recursos de aprendizaxe dixitais composta por máis dun millón de documentos. É preciso rexistrarse para empregala. Buscando por 'Galicia' aparecen máis de 300 resultados, polo que pode ser interesante utilizala.

BIBLIOTECA FEIJONIANA

http://www.filosofia.org/bjf/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.html

Apartado da web www.filosofia.org que pon a disposición dos visitantes en formato dixital as obras do frade bieito galego Benito Jerónimo Feijoo, coma o 'Teatro crítico universal' e as 'Cartas eruditas y curiosas'.

BIBLIOTECA NACIONAL

http://www.bne.es/esp/bidigital.htm

A BNE dispón dun servizo de biblioteca dixital, no apartado 'Colecciones digitales', na que a 20 de decembro do 2006 hai dixitalizados máis de 400 libros e varios milleiros de documentos máis, como mapas, planos, gravados, debuxos, fotografías revistas e periódicos, partituras e gravacións sonoras. De interese para os usuarios e usuarias galegos hai, por exemplo, cinco mapas antigos de Galicia. Por suposto, a BNE achega o catálogo virtual dos seus fondos físicos, xa na portada: http://www.bne.es.

BIBLIOTECA VIRTUAL DO CSIC

http://metalib.csic.es

Publicacións e recursos en liña de interese para quen se dedica á investigación.

BIBLIOTECA VIRTUAL MIGUEL DE CERVANTES

http://www.cervantesvirtual.com

Creada primeiramente para ofrecer en formato dixital libros clásicos en castelán, na actualidade inclúe tamén textos noutras linguas como o galego, por exemplo as cantigas de Martín Códax, así como acceso ós catálogos doutras bibliotecas que achegan contidos en varios idiomas (catalán, galego, inglés, francés, italiano, portugués e alemán). Ademais, atopamos ducias de obras de autores e autoras de Galicia en castelán, e tamén de fóra de Galicia pero con contidos de tema galego. E lembremos que este portal conta cunha ferramenta moi útil: foros onde é posible propoñer unha cuestión sobre unha obra ou a persoa que a escribiu para que outra xente opine e nós poidamos conseguir así información adicional. Na actualidade, o director do Consello Científico da entidade é o catedrático e ex reitor da Universidade de Santiago Darío Villanueva.




ArribaAbajo Outras webs españolas que achegan libros ou catálogos dixitais

Ademais das webs xa citadas, existen catálogos virtuais de interese e outros sitios en lingua española en Internet que sen seren bibliotecas poden ser de interese para usuarios e usuarias de Galicia polo que ofertan.

CATÁLOGO COLECTIVO DO PATRIMONIO BIBLIOGRÁFICO ESPAÑOL

http://www.cultura.mecd.es/bibliotecas/MC/CCPB/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.htmll

Catálogo de obras de entre os séculos XV e XX conservadas en bibliotecas españolas. Contén máis de 700.000 títulos, entre eles obras galegas.

CATÁLOGOS DAS BIBLIOTECAS ESTATAIS

http://www.cultura.mecd.es/bibliotecas/MC/CBPE/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.htmll

Catálogos en liña das bibliotecas estatais do Ministerio de Cultura e directorio de recursos dixitalizados, fundamentalmente artigos de revistas especializadas.

CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA EN GALEGO

http://www.senado.es/constitu/indices/const_gallego.pdf

Ofrécea o Senado en formato PDF, nun único documento, mentres que na web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamentodegalicia.es) tanto esta como o Estatuto non se poden descargar directamente, senón que hai que ir lendo apartado por apartado. Loxicamente si os podemos xuntar e pegar nun único documento, pero é máis rápida a fórmula do Senado se o que nos interesa é quedar cunha copia do conxunto do texto.

CONSTITUCIÓN EUROPEA EN GALEGO

http://www.constitucioneuropea.es

A Constitución Europea, protocolos e anexos, e declaracións anexas, en galego, descargable en PDF.

CORREOS

http://www.correos.es

Un dos seus apartados é un buscador de códigos postais para cando precisemos enviar unha carta postal. Trátase da guía en formato papel convertida nunha base de datos accesible na rede.

DICCIONARIOS.COM

http://www.diccionarios.com

Achega en forma de bases de datos dicionarios de español, sinónimos e antónimos, inglés, francés, alemán, italiano, catalán e portugués.

DICIONARIOS DA RAE

http://www.rae.es

No sitio web da Real Academia Española podemos consulta-la base de datos da versión dixital do seu dicionario de español actualizada con novas palabras engadidas ata xuño de 2004, así como o 'Diccionario panhispánico de dudas', versión dixital da primeira edición, de outubro de 2005. Igualmente podemos le-lo discurso de ingreso na RAE de varios académicos.

DICIONARIOS DE ELMUNDO.ES

http://www.elmundo.es/diccionarios

Inclúe como bases de datos dicionarios de español, sinónimos, antónimos, inglés, francés e medicina.

E-LIBRO

http://www.e-libro.com

Plataforma que permite o acceso, mediante pagamento, a libros electrónicos que maioritariamente están publicados en español, portugués e inglés, así como a libros impresos baixo demanda. Algúns con contidos referidos a Galicia e de autores galegos, debido a que se incorporaron a esta plataforma milleiros de títulos da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Trátase do servizo español da plataforma Ebrary, que opera nun cento de países e ten cinco millóns e medio de usuarios.

Entre as editoriais que achegan fondos están Oxford University Press, Elsevier, IBM Redbooks, McGraw Hill, Ramdom House, Penguin Classics, John Wiley & Sons, Cambridge University Press e moitas outras. Conta con máis de 100.000 libros e documentos.

E-NCICLOPEDI@

http://www.enciclopedia-sm.com

Web desta enciclopedia virtual que complementa o libro do mesmo nome editado por Ediciones SM, achegando enderezos de webs que tratan dos temas indicados no volume.

ENCARTA

http://encarta.msn.es

A enciclopedia dixital en castelán de Microsoft permite consultar de balde parte dos seus contidos.

PÁGINAS AMARILLAS

http://www.paginasamarillas.es

As edicións en papel das múltiples guías de Páginas Amarillas, convertidas en bases de datos e accesibles en Internet de balde.

PÁGINAS BLANCAS

http://www.paginasblancas.es

As edicións en papel das múltiples guías de Páginas Blancas, convertidas en bases de datos e accesibles en Internet de balde.

PARNASEO

http://parnaseo.uv.es

Web da Universidade de Valencia que atesoura unha colección de textos modernos e clásicos en castelán, con mencións a temas galegos.

REBIUN

http://rebiun.crue.org

Web da Rede de Bibliotecas Universitarias españolas, desde a que se poden buscar libros nos catálogos de todas elas.

SIGPAC

http://www.mapa.es/es/sig/pags/sigpac/intro.htm

Servizo de Información Xeográfica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que mostra fotos aéreas de boa parte do territorio español e que está pensado para poder medir predios ou distancias de xeito aproximado sen ter que desprazarse ó lugar. De doada utilización.

UNED

http://www.uned.es

A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) achega unha sección da súa web denominada Biblioteca de Referencia en Línea, con máis de 3.000 ligazóns clasificadas por temas: http://www.uned.es/biblioteca/referencia/PAGINAINICIO.HTML. Así mesmo dispón dun arquivo dixital desde o que se poden descargar libros e outros documentos: http://e-spacio.uned.es/fez/index.php.




ArribaAbajo As grandes bibliotecas virtuais internacionais

A continuación imos achegarnos a sete grandes proxectos de bibliotecas dixitais que están en distintas fases de desenvolvemento e que poden resultar de interese coñecer a pesar de que polo momento non se lle vaia sacar tanto rendemento como dentro duns anos.

PROXECTO GUTENBERG

http://www.gutenberg.net

Foi durante moito tempo o proxecto máis sólido para crear unha biblioteca dixital en liña. Naceu da man de Michael Hart en 1971, para difundir de balde textos e libros famosos. Co espallamento de Internet a iniciativa acadou unha canle axeitada, na que centos de voluntarios e voluntarias de todo o mundo contribuíron para dixitalizar e ofrecer de balde para a comunidade de internautas obras nas que xa caducaron os dereitos de autor, aínda que tamén se pode encontrar algunha recente. A maioría dos libros desta biblioteca virtual, que conta con máis de 20.000 títulos, están en inglés, mais obras noutros cincuenta idiomas. Cada mes descárganse ó redor de dous millóns de copias, segundo se di na web, e ademais dun servidor central hai servidores espello para poder baixar deles os libros se o central está atendendo demasiadas peticións nun momento dado. Non atopamos ningún libro en lingua galega, pero si de autoría galega, por exemplo 'La tribuna' ou 'Un viaje de novios', de Emilia Pardo Bazán.

BOOKS, O PROXECTO DE GOOGLE

http://books.google.com

A propia Internet no seu conxunto é considerada como a maior biblioteca da humanidade, cos contidos repartidos en innumerables servidores e cos buscadores como os seus catálogos. Para o buscador Google iso non era suficiente e por iso comezou o proxecto Books (http://books.google.com) en decembro do ano 2003 (inicialmente coa denominación Print). Aspira a se-la maior biblioteca virtual da humanidade, con quince millóns de libros dixitalizados ata o ano 2015. Para chegar a esa enorme cantidade conta con acordos con varias importantes bibliotecas -as das universidades de Michigan, Harvard, Stanford e Oxford e a Biblioteca Pública de Nova York foron as primeiras- que ceden os seus fondos para ofrecelos dixitalizados a través do portal, e creou ademais un programa de afiliación para editoriais que lles permite ofrecer os seus libros -recentes ou procedentes do seu fondo editorial- a través do mesmo. En 2006 incorporouse ó proxecto a Universidade Complutense de Madrid, primeira universidade española en sumarse a esta ambiciosa iniciativa.

Os libros sobre os que xa ninguén ten dereitos de autor pódense consultar completos. E para os casos nos que estes aínda non caducaron, Google ten tres fórmulas, unha para libros fornecidos por editoriais, que deixa ver enteiras soamente un número reducido de páxinas da publicación; a segunda, para libros sobre os que existen dereitos de autor e que proceden dalgunha desas bibliotecas, que consiste en amosar soamente unhas poucas liñas da páxina ou páxinas onde aparecen a palabra ou palabras que buscamos; e a terceira fórmula é mostrar soamente os datos do libro nos que aparecen a palabra ou palabra que buscamos, sen mostrar ningún fragmento: sabemos que atoparemos aí o contido que nos interesa pero teremos que ir á biblioteca ou á librería.

Ante as críticas de editoriais e de persoas titulares de dereitos -e non necesariamente os propios autores ou autoras-, está por ver se os tribunais estadounidenses lle permiten á empresa manter estas fórmulas ou se pola contra deberá retirar todos aqueles libros sobre os que existen aínda dereitos de autoría. En calquera caso, a compañía xa advirte que para estes volumes en concreto a intención non é ofrecelos completos, senón facilita-la localización da información, para que despois os poidamos consultar en bibliotecas ou mercar en librerías se o desexamos, e para tal finalidade ofrece ligazóns tanto a unhas coma a outras, advertindo que, fronte ó que sucede noutras partes do seu portal, non obtén beneficios por esta actividade -ou polo menos non obtén beneficios directos, pero cremos que si indirectos porque o que si consegue é publicidade de balde-.

Outras das críticas que se lle fixo a Google cando lanzou a súa iniciativa foi que comezou a traballar con bibliotecas que conteñen sobre todo libros en inglés. Con todo, a empresa asegura que está dixitalizando libros presentes nesas bibliotecas, pero escritos en tódalas linguas que forman os seus fondos, e ademais os editores poden participar con libros nas linguas que desexen. A recente incorporación da Universidade Complutense servirá sen dúbida para incrementa-los fondos nas linguas peninsulares.

Hai casos curiosos: cando rematabamos este libro podíanse atopar obras de Rosalía de Castro como 'La hija del mar' e 'El caballero de las botas azules' en castelán ou 'Poems', edición en inglés, pero ningunha en galego polo momento (con todo, as obras completas si están en Internet, en www.cervantesvirtual.com). E o mesmo sucede con Ramón Otero Pedrayo, do que está dixitalizada a obra 'Paisajes y problemas geográficos de Galicia', ou con Vicente Risco, do que hai 'El problema político de Galicia'. En cambio, cando preparamos este libro non había nada por exemplo de Castelao.

Os dous libros en castelán de Rosalía foron dixitalizados pola editora catalá Linkgua, que ofrece edicións personalizadas dos textos, e o volume en inglés é unha edición da Universidade Estatal de Nova York. Do libro de Otero, editado en 1928 pola Compañía Ibero-americana de Publicaciones, supoñemos que se encontraba entre os fondos dalgunha das bibliotecas asociadas con Google, igual que o de Risco, da mesma editorial e publicado en 1930.

Libros en galego tamén vai habendo, por exemplo a 'Historia sintética de Galicia' de Ramón Villar Ponte, publicada en 1927 por Edición Nós na Coruña. De tódolos xeitos, a maior utilidade para quen consulte Google Books desde Galicia seguramente será a de localizar referencias a temas galegos en libros publicados no estranxeiro. Hai ducias de miles de referencia se se procura a palabra 'Galicia', aínda que moitas destas corresponderán ó territorio polaco que se escribe de igual xeito ou á antiga Nova Galicia mexicana. Unha consulta a esta enorme biblioteca dixital se cadra pode achegarnos bibliografía que non coñeciamos sobre calquera tema galego.

A iniciativa de dixitalización de libros de Google provocou dúas reaccións a grande escala: primeiro a de varios países europeos, temerosos de que o predominio da cultura en lingua inglesa sexa prexudicial para a cultura noutras linguas, e máis recentemente a dos competidores de Google agrupados na Open Content Alliance (Alianza do contido aberto, en tradución literal).

A BIBLIOTECA DIXITAL EUROPEA

http://www.theeuropeanlibrary.org

Desde hai anos existían proxectos europeos para a dixitalización de documentos como o xurdido trala reunión de Lund, en Suecia, no ano 2001, ou o proxecto Presto-Space, para a dixitalización do patrimonio audiovisual europeo.

Pero foi no 2004, meses despois de anunciar Google o comezo do seu proxecto, cando houbo unhas primeiras xuntanzas de alto nivel entre representantes de Francia, España, Alemaña, Italia, Hungría e Polonia, países que solicitaron en varias reunións no 2005 o apoio do resto dos estados europeos, e deste xeito, o 14 de novembro dese ano o consello de ministros de Cultura europeos celebrado en Bruxelas apoiou de forma unánime que se cree unha biblioteca dixital europea. Esta institución está dando os seus primeiros pasos trala creación dun 'comité de pilotaxe' que se encarga de facer un informe sobre o que debe ser a biblioteca, e poñendo a disposición dos internautas na rede o portal www.theeuropeanlibrary.org , desde o cal se poden consultar simultaneamente os catálogos informatizados das bibliotecas nacionais alemá, británica, checa, croata, eslovaca, dinamarquesa, eslovena, estoniana, finesa, francesa, holandesa, húngara, italiana, lituana, portuguesa, serbia e suíza, catálogos que remiten fundamentalmente a obras en papel, pero é un primeiro paso. Comprobamos que os contidos da biblioteca non están restrinxidos ós países da Unión Europea, senón que se abre a outros coma Suíza ou Serbia que teñen diversos vínculos coa UE.

A Comisión Europea non quixo partir de cero, senón que se optou por facilitar un acceso integrado desde unha web multilingüe ó material xa dixitalizado polas institucións culturais europeas, e non só bibliotecas, senón tamén arquivos ou museos entre outras. A Biblioteca Dixital Europea medrará a partir do incremento das coleccións de documentos dixitalizados xa existentes, e ten o xérmolo nun proxecto cofinanciado pola Unión Europea dentro do Quinto Programa Marco de Investigación, denominado The European Library Project (TEL-Project). Ademais de libros dixitalizados, o proxecto europeo contempla ofrecer material audiovisual, fotografías e reproducións de documentos conservados en arquivos, e o obxectivo non é só facilita-la súa consulta, senón tamén a súa conservación de cara ó futuro, dado que consultando documentos dixitalizados non será preciso acceder ós orixinais, que desa maneira se conservarán mellor.

Durante os primeiros catro anos, agárdase que se invistan no proxecto entre 200 e 250 millóns de euros que asumirán os estados membros e a Unión, a cal destinará uns 60 millóns de euros do programa eContentplus e promoverá a creación de centros de competencia para a dixitalización de documentos e a súa conservación dixital. Agárdase ademais a contribución privada para completar a pública. Se temos en conta que Google planea dixitalizar quince millóns de libros, veremos que tamén este portal e os seus socios no proxecto terán que continuar facendo un forte investimento.

No ano 2006 espérase inicia-la colaboración activa no portal europeo de tódolos países participantes e para o 2008 cóntase con que xa exista un acceso único a través do portal multilingüe a tódolos catálogos das bibliotecas nacionais europeas e un mínimo de dous millóns de obras dixitalizadas, incluíndo libros, imaxes, arquivos de son, etc. As expectativas para o 2010 son a incorporación das coleccións de arquivos, museos e outras bibliotecas, e posiblemente editoriais, ofrecendo xa acceso a uns seis millóns de documentos dixitalizados, número que podería ser maior se se consegue a participación nesta biblioteca europea de institucións locais. Os 138 millóns de usuarios rexistrados nas bibliotecas europeas terán así un acceso doado a catálogos e a fondos dixitalizados.

Polo momento xa hai dixitalizados libros como o 'Códice Calixtino', en edición de 1882 da editorial francesa Maisonneuve: 'Le codex de Saint-Jacques de Compostelle (Liber de miraculis S. Jacobi). Publ. pour la première fois en entier par le P. F. Fita,.... Avec le concours de Julien Vinson'. Encontrámolo buscando no portal, que nos remite á web de Gallica, a biblioteca virtual da Biblioteca Nacional Francesa. Gallica ten dixitalizados milleiros de volumes e imaxes e 500 horas de gravacións e nos primeiros meses de 2006 recibe xa máis dun millón de consultas mensuais, o que sen dúbida é unha boa mostra das posibilidades que proporcionaría unha biblioteca dixital europea.

Por certo, que á hora de buscar libros galegos nas bibliotecas destes países veremos que hai bastantes máis títulos dos que sospeitamos.

A COMPETENCIA DE GOOGLE: OPEN CONTENT ALLIANCE

http://www.opencontentalliance.org

Google, que hoxe en día é o buscador máis popular de Internet, é tamén unha referencia para os seus competidores máis directos coma Yahoo! e Microsoft. Estes, a pesar de competir entre si, participan con outros socios para poñer en marcha unha alternativa ó proxecto de Google, que ten o seu portal en www.opencontentalliance.org.

A Open Content Alliance (OCA) foi proxectada por Internet Archive (http://www.archive.org ) e Yahoo! (http://www.yahoo.com ) a principios do ano 2005 para «axudar a construír un arquivo permanente de textos dixitalizados multilingües e contido multimedia». Isto permitiría, segundo se explica na web, ofrecer acceso público «a un rico panorama da cultura do mundo».

A OCA comezará dixitalizando coleccións do European Archive, Internet Archive, National Archives (Reino Unido), O'Reilly Media, Prelinger Archives e a universidade estadounidense de California e a canadense de Toronto. Na actualidade xa se sumaron á iniciativa ducias de organizacións máis, entre elas Microsoft, que planea dar acceso ós contidos dixitalizados a través do seu portal (http://www.msn.com ), do mesmo xeito que Yahoo! planea facelo.

Como nos casos de Google e europeo, haberá documentos que se poderán consultar e descargar enteiros e outros de consulta restrinxida a uns fragmentos ou páxinas, pero sempre co permiso expreso dos titulares do copyright. Con todo, a OCA xa anuncia que estudará coas editoriais modelos de negocio para que se poida proporcionar a través de Internet acceso ós materiais nos que aínda están vixentes os dereitos de autor.

ARCHIVE.ORG

http://www.archive.org

Internet Archive preséntase co lema 'Acceso universal ó coñecemento humano' e proporciona libros, películas, gravacións sonoras, música e mesmo o contido de sitios web, incluídas webs galegas, ó longo dos anos a través da súa 'Wayback Machine', ou 'Máquina da Volta Atrás', unha peculiar máquina do tempo de Internet. Este sitio web é un dos promotores da Open Content Alliance e anunciou o 20 de decembro do 2006 que xa superou a cifra de 100.000 libros dixitalizados.

IBIBLIO

http://www.ibiblio.org

Biblioteca que ademais de poñer a disposición dos visitantes libros, tamén achega música e software, o que a diferenza doutras bibliotecas dixitais, e que mostra outra posibilidade de evolución destas, cando menos no que se refire ó software libre. Hai algúns contidos sobre Galicia pero non moitos.

PROXECTO MILLÓN DE LIBROS

http://www.ulib.org

Proxecto desenvolvido desde a universidade estadounidense Carnegie Mellon que aspira a dixitalizar un millón de libros en diferentes linguas ata 2007. De momento non hai ningún en galego pero si por exemplo libros sobre o Camiño de Santiago en inglés.




ArribaAbajo Outras webs internacionais que achegan libros, catálogos dixitais ou recursos de interese

BIBLIOTECA NACIONAL DIGITAL DE PORTUGAL

http://bnd.bn.pt

Achega, entre outros, libros dixitais sobre historia de Portugal que tamén permiten coñece-las relacións de Galicia con Portugal ó longo da historia desde outro punto de vista. Véxase por exemplo a 'Chronica del Rey D. Pedro I deste nome, e dos reys de Portugal o oitavo cognominado o Justiceiro'. Este libro escrito no século XV por Fernão Lopes trata do rei Pedro -alcumado o Cruel, o Xusticeiro ou o Vingativo- que é coñecido pola súa relación con Inés de Castro, a aia galega da súa muller, Constanza. Non confundir co rei Pedro I de Castela, tamén chamado o Cruel ou o Xusticeiro, que foi coetáneo seu e ademais o seu sogro cando casou con Branca de Castela. Ademais de libros hai cartografía, gravados, publicacións periódicas, teses e outros documentos.

BIBLIOTECASVIRTUALES.COM

http://www.bibliotecasvirtuales.com

Biblioteca con obras en castelán de autores de diferentes países, dispón dun buscador para localizar palabras ou frases no contido das obras. Ademais de libros sobre Galicia hai foros literarios nos que se debaten cuestións referidas á cultura galega.

BIBLIOTECA ALEXANDRINA

http://www.bibalex.org

Situada na cidade exipcia de Alexandría, na moderna Biblioteca Alexandrina non faltan libros de autores galegos no seu catálogo de libros, por exemplo 'El gallego y su cuadrilla y otros apuntes carpetovetónicos', de Camilo José Cela. Ten algunha publicación dixital en lingua árabe.

BIBLIOTHECA AUGUSTANA

http://www.fh-augsburg.de/~harsch/augusta.html

Achega obras en varias linguas, entre elas o latín, e hai algunha de interese para nós, coma o 'itinerarium Egeriae', a viaxe da monxa galega Exeria a Terra Santa, datada ó redor do ano 380.

CANTIGAS DE SANTA MARÍA

Hai varias webs en Internet que nos presentan a totalidade ou unha escolma: en http://www.pbm.com/~lindahl/cantigas temos unha reprodución facsimilar do orixinal das 'Cantigas de Santa María' de Afonso X o Sabio.

En http://myschwerk.webzdarma.cz/cantigas.html ofrécese en edición bilingüe en galego e mais en checo unha selección e hai ademais outro apartado dedicado ás cantigas de amigo en http://myschwerk.webzdarma.cz/cantamigo.html.

En http://www.3to4.com/Cantigas/e_0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.htmll hai outra web cun índice en inglés e o resto do texto en xaponés, que mostra reproducións de imaxes das 'Cantigas'; finalmente http://brassy.club.fr/PartMed/Cantigas/CSMIDI.html é unha web en francés sobre as 'Cantigas de Santa María'.

DIGITAL LIBRARIES

http://www.digital-scholarship.org/sepb/sepr/sepr.htm

Directorio de bibliotecas dixitais no mundo e recursos relacionados.

DIGITAL LIBRARY FEDERATION

http://www.diglib.org

Federación de bibliotecas virtuais con información sobre proxectos neste eido.

DOMÍNIO PÚBLICO

http://www.dominiopublico.gov.br

Biblioteca virtual desenvolvida polo Goberno brasileiro en software libre e con contidos de dominio público. Achega libros en galego coma as 'Cantigas de Santa María' de Afonso X o Sabio.

ENCYCLOPAEDIA BRITANNICA

http://www.britannica.com

A editora desta prestixiosa enciclopedia en lingua inglesa permite consultar de balde na súa web unha versión reducida dos seus contidos.

GALLICA

http://gallica.bnf.fr

A Biblioteca Nacional de Francia reserva un espazo denominado Gallica para obras literarias en formato dixital. Xa posúe milleiros de documentos e imaxes en formato dixital. Se buscamos, por exemplo, por Compostelle, ou Galice, atoparemos xa unhas cantas obras nas que hai referencias á nosa comunidade.

GUÍA TELEFÓNICA

http://www.guiatelefonica.com

Un directorio de guías telefónicas de todo o mundo, que nos permite consulta-las bases de datos en que se converteron as súas edicións en papel.

IFLA

http://www.ifla.org/II/diglib.htm

Web da Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecas e Institucións Amosa neste apartado da súa web un directorio de bibliotecas dixitais, bibliografía e recursos relacionados.

IMDB

http://www.imdb.com

A Internet Movie Data Base, ou base de datos de películas en Internet, consolidouse como unha das principais fontes de información sobre películas e series de televisión, fornecendo datos sobre estas e sobre as persoas que participan nelas, desde actores e actrices ata responsables de efectos especiais.

LITERATURE.ORG

http://www.literature.org

Varios milleiros de obras dixitalizadas en inglés. Atopamos unha curiosa novela de Arthur Conan Doyle, 'The White Company', con referencias a Santiago e Galicia.

NETLINGO

http://www.netlingo.com

Un dos dicionarios máis completos sobre informática e Internet. A súa versión web actualízase periodicamente e é de consulta gratuíta, aínda que se pode mercar o dicionario completo en formato dixital ou en papel.

NEWSPAPER ARCHIVE

http://www.newspaperarchive.com

A 20 de decembro do 2006 esta web daba acceso, previo pagamento, a case 54 millóns de páxinas de periódicos de distintos países do mundo -fundamentalmente en lingua inglesa-. Inclúe o histórico 'The Times' londinense así como outras cabeceiras que se comezaron a editar no século XVIII. Se soamente queremos curiosear, podemos ter acceso a unha mostra dos contidos sen ter que pagar a través do servizo News Archive Search da versión en inglés de Google, á que se pode chegar visitando http://news.google.com. Buscando simultaneamente Galicia e Spain atópanse curiosas referencias ás terras galegas. Como curiosidade, dicir que a máis antiga é dun periódico de Dublín, do 9 de outubro de 1764: 'The Public Register or Freemans Journal', que achega unha noticia datada o 1 de setembro en Ferrol, na que se di que o capitán xeral de Galicia recibiu ordes da corte para formar un batallón con tres rexementos galegos e algúns reforzos procedentes de Castela para formar un batallón e embarcalo para a Luisiana desde o porto da cidade. Hai que recordar que a Luisiana, que fora territorio colonizado polos franceses, fora cedido ós españois polo Tratado de París de 1763, co que se lle puxo fin á Guerra dos Sete Anos, e nese contexto explícase o envío desas tropas.

TEXT TO SPEECH

http://www.naturalvoices.att.com/demos

Algúns sistemas operativos xa incorporan a opción de lectura automática de textos dixitalizados, mesmo en varias linguas e simulando voces masculinas e femininas. Se non dispoñemos dela ou queremos probar outras alternativas, por exemplo para saber como se pronuncia en inglés ou francés unha palabra determinada, podemos visitar esta web, alternativamente a versión de demostración tamén se pode utilizar na web http://www.research.att.com/~ttsweb/tts/demo.php. Para a lingua galega existe o servizo Cotovía das Universidades de Vigo e Santiago e do Centro Ramón Piñeiro en: http://www.gts.tsc.uvigo.es/cotovia/cotovia.gl.html

THE BRITISH LIBRARY

http://www.bl.uk/treasures/treasuresinfull.html

Amosa unha colección de libros dixitalizados, entre eles dous exemplares da 'Biblia' de Gutenberg, o primeiro texto europeo saído dunha imprenta, así como reproducións dixitais de obras de William Shakespeare.

THE LIBRARY OF CONGRESS

http://www.loc.gov

A Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, unha das máis importantes do mundo, comezou a mostrar en Internet unha parte dos mapas e imaxes que atesoura, e ten así mesmo un catálogo virtual dos seus fondos.

THE LIBRARY OF IBERIAN RESOURCES ONLINE

http://libro.uca.edu

Esta Biblioteca de recursos ibéricos en liña da Universidade de Arkansas Central achega recursos coma o libro dixital de Richard A. Fletcher: 'Saint James' Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela'.

TRAVLANG

http://www.travlang.com

Web onde podemos traducir palabras básicas a decenas de idiomas.

WIKIPEDIA

http://www.wikipedia.org

Proxecto iniciado o 15 de xaneiro de 2001 como sucesor da xa desaparecida Nupedia, sendo os principais promotores da iniciativa Jimmy Wales e Larry Sanger. A idea era que a propia comunidade de internautas fose construíndo unha enciclopedia virtual na que localizar facilmente información coma en calquera enciclopedia normal, salvo que neste caso achega múltiples ligazóns externas referentes ás definicións. A lingua inicial foi a inglesa, pero xa hai máis de 200 proxectos de wikipedias en diferentes linguas, entre elas a galega, a Galipedia (véxase na listaxe de webs galegas). Na definición de bibliotecas dixitais da edición en inglés (que xa supera o millón de definicións) temos unha listaxe de bibliotecas virtuais: http://en.wikipedia.org/wiki/Category:Digital_libraries.

Hai dous proxectos recentes de enciclopedias en liña que buscan mellora-la calidade da Wikipedia evitando 'batallas' no texto dalgúns artigos como as que se producen nesta última. En Scholarpedia.org os artigos son escritos por persoas expertas no tema de que se trata, e pódense enviar suxestións e correccións, pero estas deberán ser aceptadas polo autor ou autora do artigo orixinal para a súa publicación. Citizendium.org baséase na mesma filosofía, pero ademais desaparece o anonimato, de maneira que se poderá saber quen escribe cada artigo; á fronte deste novo proxecto do que se anunciou a posta en marcha para o 2007 está Larry Sanger, un dos fundadores da Wikipedia. En principio partirá do contido da Wikipedia en inglés, que se irá mellorando e corrixindo por expertos.






ArribaAbajo Glosario

Acceder: Entrar nun equipo informático, nunha aplicación ou nun documento creado con ela, nunha web, nunha rede ou nun servizo ofrecido nela.

Almacenamento: Proceso mediante o que se conservan datos nun soporte informático para a súa utilización en calquera momento. Dependendo da tecnoloxía que se empregue, o almacenamento pode ser magnético (un disquete), magnetoóptico (disco magnetoóptico) ou óptico (CD ou DVD).

Aloxar: Do inglés housing. Almacenar nun ou varios servidores un sitio web, sen que este os comparta con outros. Este sería o significado propio, aínda que tamén se acostuma empregar este termo como equivalente do inglés hosting, hospedar, que implica a almacenaxe dun sitio web nun servidor que comparte con outros sitios web.

Ancho de banda: Capacidade de transmisión de datos de modo simultáneo a través dunha liña dun servizo de telecomunicacións ou dunha conexión entre aparellos electrónicos nunha unidade de tempo determinada. Habitualmente esta capacidade mídese en bits por segundo (bps) ou en unidades superiores como Kbps, Mbps e Gbps.

Aplicación: Conxunto de instrucións e datos que ó se executar permite traballar cun ou varios equipos informáticos ou electrónicos como ordenadores, teléfonos móbiles ou asistentes dixitais persoais e calesquera dispositivos conectados a eles realizando todo tipo de funcións como reproducir discos, realizar cálculos matemáticos ou xestionar arquivos.

Arquivar: Gravar de xeito estruturado en soporte magnético, magnetoóptico ou óptico datos que poden recuperarse e empregarse en aplicacións informáticas.

Arquivo: Conxunto de datos estruturados gravados en soporte dixital que poden recuperarse e utilizarse en aplicacións informáticas.

ASCII: Siglas de American Standard Code for Information Interchange, Código Estándar Americano para o Intercambio de Información. Emprégano os ordenadores e serve para representar as letras maiúsculas e minúsculas do alfabeto, así como os números e outros signos como os de puntuación e acentuación.

Asistente dixital persoal: Ordenador de pequeno tamaño deseñado para poder levalo no peto pero que pode achegar practicamente tódalas funcións dun ordenador de sobremesa ou portátil, e mesmo unha adicional, a de poder escribir na súa pantalla cun lapis especial, como se se tratase dun bloc de notas, sendo capaz de transforma-los trazos feitos a man en caracteres tipográficos dixitais. Coñécese tamén coas siglas PDA (do inglés Personal Digital Assistant) e igualmente recibe os nomes de ordenador de man ou computador de man. Os máis modernos permiten ler libros dixitais en diferentes formatos na súa pantalla.

Audio: Son representado por medio de sinais electrónicos. Por extensión dise que este é o formato xenérico dos arquivos informáticos que conteñen son.

Audiolibro: Libro en formato audio, que en lugar de ler se escoita. Nalgunhas bibliotecas virtuais parte dos contidos son audiolibros.

Aula virtual: Lugar virtual nunha rede local ou en Internet, onde a través de iconas e símbolos se representan os elementos máis característicos dunha aula real, e que serve para impartir clases a distancia. Unha parte da aula virtual pode estar dedicada a biblioteca, da que se poden baixar libros e outros documentos útiles para a aprendizaxe.

Baixar: V. Descargar

Banda ampla: V. Banda ancha

Banda ancha: Expresión que se emprega para referirse a unha conexión de gran capacidade cunha rede de comunicacións, por exemplo «acceso de banda ancha a Internet».

Baudio: V. BPS

Biblioteca: 1. Biblioteca dixital. Colección de documentos de texto ou multimedia -imaxes, sons ou vídeos, entre outros- almacenados en soporte informático. 2 Biblioteca virtual. Aquela que ofrece algún ou a totalidade dos seus servizos en liña, a través da Internet ou doutras redes telemáticas semellantes. Inicialmente a expresión aplicábase tanto ás bibliotecas que ofrecían os seus catálogos de xeito virtual como aquelas que ofrecían documentos en liña, pero na actualidade enténdese por biblioteca virtual aquela que ademais de a un catálogo permite acceder ó contido de documentos de texto ou multimedia -imaxes, sons ou vídeos, entre outros-. A propia Internet no seu conxunto é considerada como a maior biblioteca da humanidade, e os buscadores como os seus catálogos.

Bit: Palabra formada como abreviatura da expresión inglesa binary digit (díxito binario). É a unidade básica de información que representa a cantidade máis pequena de datos que se transmiten ou procesan, e toma os valores un ou cero, base do sistema binario. Oito bits compoñen un byte ou signo, que é un dos caracteres imprimibles por medio dun ordenador (unha letra ou un número, por exemplo). A capacidade de almacenamento de datos na memoria dun ordenador ou en calquera soporte informático mídese en bits, aínda que se empregan unidades superiores como kilobytes (Kb), megabytes (Mb), xigabytes (Gb) ou terabytes (Tb).

Blog: Abreviatura de weblog, ou diario web. Trátase dunha páxina moi doada de actualizar organizada como diario persoal sobre un tema determinado ou onde unha persoa ou grupo de persoas nos contan a súa vida ou opinan sobre calquera asunto.

BPS: Siglas de Bits Per Second (bits por segundo), unidade de medida da velocidade de transmisión de datos tamén chamada baudio. Debido ó avance das tecnoloxías acostuman a usarse unidades de medida superiores como Kbps (mil bits por segundo), Mbps (un millóns de bits por segundo) ou Gbps (mil millóns de bits por segundo). Un módem convencional para acceder a Internet pode operar a unha velocidade de 56.600 bps, ou o que é o mesmo 56 Kbps.

Browser: V. Navegador

Buscar: Acción e efecto de localizar mediante unha aplicación informática calquera tipo de arquivo ou unha parte do contido dun arquivo, nun dispositivo informático ou unha rede. Cando esta aplicación ofrece diferentes opcións para conseguir resultados máis precisos fálase de busca avanzada.

Buscador: Aplicación informática vencellada a un sistema de recuperación de información que facilita a localización de datos ou ficheiros nun ordenador, sistema informático ou redes como Internet indicando palabras clave ou frases que se supón deben ou non aparecer nos arquivos buscados.

Byte: 1. Unidade de información composta por unha secuencia de oito bits. Con estas secuencias pódense representar un total de 255 símbolos diferentes, os que forman os diferentes códigos ASCII. Cada byte permite representar unha letra ou símbolo que se escribe desde un teclado de ordenador (a, b, c, @, 1, 2, &, %, etc). 2. Cantidade de memoria necesaria para almacenar nun dispositivo informático un calquera dos caracteres ASCII existentes. A capacidade de almacenamento é medida en kilobytes (un Kb son 1.024 bytes), en megabytes (un Mb son 1.024 kilobytes ou 1.048.576 bytes) e cada vez máis en xigabytes (cada Gb son 1.024 megabytes) e terabytes (un Tb son 1.024 Gb). Un Tb equivale a case 1,1 billóns de caracteres.

Ciberespazo: Conxunto de redes telemáticas, simbolizado por Internet, onde as persoas se relacionan virtualmente e que constitúe un reflexo da sociedade, desde o momento en que nel se poden realizar moitas actividades que existen na vida real: escoitar música, ler xornais e libros, facer operacións bancarias, conversar, etc. A invención do termo orixinal (cyberspace) atribúeselle a William Gibson na súa novela 'Neuromancer'.

Cibernauta: V. Internauta.

Clicar: V. Premer.

Colgar: 1. Deterse o funcionamento normal por un erro do software ou do hardware, ou por accidente. 2. Desconectarse un módem da liña telefónica sen que se lle deran instrucións para iso. 3. Enviar ficheiros a un servidor para almacenalos ou permitir o acceso a eles por un grupo de persoas ou libremente pola comunidade de internautas.

Comercio electrónico: Conxunto de intercambios de bens e servizos que se desenvolven no ciberespazo.

Descargar: Transferir datos a un ordenador ou dispositivo equipado para iso a través dunha rede como Internet, utilizando un navegador ou unha aplicación específica para descargas. Os arquivos pódense baixar desde calquera servidor, aínda que algúns están especialmente preparados para esa función, mediante o emprego do Protocolo de Transferencia de Ficheiros (File Transfer Protocol ou FTP).

Directorio: Sitio de Internet no que se presentan ordenadas en categorías e subcategorías ligazóns a páxinas web, de tal xeito que poden ser rapidamente localizadas. Fronte ós buscadores, que só permiten localizar arquivos e webs a partir de palabras, nos directorios é posible atopar unha web baixando consecutivamente de nivel ata chegar á información desexada.

Dixital: Dise do formato no que se almacena información nunha cadea de bits separados que representan estados de activado e desactivado. Fronte ó formato dixital está o analóxico, consistente en representar os datos nun fluxo de variables físicas continuas.

Dixitalizar: Converter en bits (datos binarios) información procedente de diversas fontes analóxicas como texto, son e vídeo para poder utilizala en dispositivos informáticos e electrónicos. É o que se fai cando se escanean as páxinas dun libro para convertelas en imaxes e/ou texto que logo permitirán crear un libro dixital.

Documento: V. arquivo

Dominio: 1. Nome co que se identifica na Internet un enderezo que previamente ten que ser rexistrado. Habitualmente comeza con http://www. e a continuación vai unha palabra, un número ou unha combinación de letras e números de como mínimo dous caracteres, para rematar cunha ou dúas extensións, separadas por puntos e compostas por como mínimo dúas letras, que identifican o tipo de dominio ou o país no que foi outorgado. Hai dominios de primeiro nivel que son iguais para todo o mundo, dominios de segundo nivel ou códigos de país e dominios de terceiro nivel propios dun determinado país, así como dominios de infraestrutura. 2. Dominio público. Cualidade de documentos de texto, gráficos, sons ou aplicacións informáticas que poden ser empregadas e distribuídas libremente sen ter que pagarlles ningún prezo ós seus autores ou autoras, que non obstante poden pedir que se respecten unhas determinadas condicións no seu uso e repartimento, por exemplo que non se modifique ningunha parte do ficheiro orixinal.

Download: V. Descargar

E-. Prefixo que indica relación coas novas tecnoloxías da información e as comunicacións e que se tomou como abreviatura de 'electrónico'. Por exemplo, e-business ou e-negocios refírese ós negocios que se realizan empregando as posibilidades que achegan Internet e outras redes de intercambio de datos.

E-aprendizaxe: V. Teleensino

E-book: V. Libro electrónico

E-comercio: V. Comercio electrónico

E-learning: V. Teleensino

E-libro: V. Libro electrónico

En liña: 1. Dise do estado dos contidos accesibles nunha web e dos equipos en activo conectados a unha rede. 2. Dise de cando unha persoa está dispoñible para manter unha charla ou chat en Internet.

Enderezo 1. Serie de caracteres que identifican un servidor ou cliente dentro dunha rede facilitando a conexión con el. 2. Enderezo de correo electrónico. Serie de caracteres que identifican unha conta de correo electrónico, permitindo enviar e recibir mensaxes a través dela. 3. Enderezo de dominio. Nome de Internet en formato lexible, como www.unnomecalquera.com. 4. Enderezo web. Cadea de caracteres que identifican un arquivo visible na World Wide Web, por exemplo http://www.valdoulla.com/vedra.htm. Nesta cadea usualmente especifícase un protocolo de transferencia, que neste caso sería o HTTP (Protocolo de Transferencia de HiperTexto) e un enderezo de dominio, que é www.valdoulla.com. Así mesmo podemos atopar unha ruta de directorio e o nome do arquivo ó que finalmente chegaremos, que no exemplo indicado é vedra.htm.

Enlace: V. Ligazón

Enlazar: V. Ligar

Espello: Servidor que contén unha copia da totalidade ou parte dos contidos almacenados noutros. Acostuman empregarse para facilitar as descargas de aplicacións ou documentos de gran tamaño, especialmente cando hai moita demanda para baixar uns determinados arquivos, axilizando a súa obtención e evitando o bloqueo dun único servidor por exceso de peticións.

FAQ: Siglas de Frequently Asked Questions (cuestións preguntadas frecuentemente). Texto que aparece en moitas webs e que busca responde-las preguntas expostas en máis ocasións polas persoas que as visitaron, evitando responder múltiples veces as mesmas preguntas por correo electrónico.

Ficheiro: V. arquivo

Fóra de liña: 1. Dise dun equipo desconectado dunha rede e da consulta ou utilización en local de arquivos que orixinalmente estaban nunha web en liña. 2. Dise de cando unha persoa non está dispoñible para manter unha charla ou chat en Internet.

Formato: 1. Calquera método de organizar información que deba ser mostrada ou almacenada e a forma na que esta se mostra ou almacena. 2. Formato propietario. O exclusivo dunha ou varias aplicacións informáticas.

Foro: Espazo dunha web dedicado a temas prefixados ou totalmente aberto, no que se debate sobre ideas e opinións. O funcionamento é sinxelo: unha persoa publica unha mensaxe que pode ler calquera visitante, que á súa vez pode responder esta mensaxe facendo pública a resposta. Son moi empregados para buscar e achegar posibles solucións a problemas informáticos.

FTP: Siglas de File Transfer Protocol (protocolo de transferencia de ficheiros). Protocolo de comunicacións que permite enviar e recibir ficheiros dun servidor e aplicación que posibilita empregalo. Existen servidores dedicados de xeito exclusivo a tarefas de transferencia de arquivos que reciben o nome de servidores FTP.

Gb: V. Xigabyte

Hardware: Dispositivos físicos que forman parte dun sistema informático ou rede de comunicacións.

Hipertexto: Sistema consistente en sinalar dentro dun texto palabras ou frases, normalmente subliñándoas (facendo así hipervínculos), para que ó premer en calquera delas apareza un documento novo con contido relativo a elas.

Hipervínculo: V. Ligazón

Home: En tradución literal significa casa. A palabra inglesa home (casa, lar) ou a expresión 'home page' empréganse para designa-la páxina principal ou portada dunha páxina web.

Hospedar: Do inglés hosting, hospedar, que implica a almacenaxe dun sitio web nun servidor que comparte con outros sitios web. Este sería o significado propio, aínda que tamén se acostuma empregar este termo como equivalente do inglés housing: almacenar nun ou varios servidores un sitio web, sen que este os comparta con outros.

Host: V. Servidor

Hosting: V. Hospedar

Housing: V. Aloxar

HTML: 1. Siglas de HyperText Markup Language (linguaxe de marca de hipertexto). Linguaxe informática de programación empregada para crear documentos, fundamentalmente páxinas web, onde é posible emprega-lo sistema de hipertexto. Os códigos HTML determinan a composición e mailo formato dunha páxina permitindo que se poida ver desde aplicacións informáticas como os navegadores, e fan posible que se poida acceder a documentos de texto, imaxes, gráficos e mesmo arquivos de son e vídeo, entre outros. Este formato é adecuado para ofrecer libros en Internet se desexamos que cada capítulo sexa un documento independente. 2. HTML dinámico. Expresión coa que se designan diversas linguaxes informáticas que posibilitan a renovación permanente e continua do contido dunha web.

HTTP: Siglas de HyperText Transfer Protocol (protocolo de transferencia de hipertexto). É o conxunto de normas que establece cómo se conectan entre si equipos e aplicacións para a transferencia de información na World Wide Web.

Inicio: Páxina principal ou portada dun sitio web.

Internauta: Persoa que navega por Internet.

Internet: Interrede. Denominación dunha agrupación de redes informáticas que comparten un protocolo de comunicacións común, o Protocolo de Internet (IP, Internet Protocol). A estas redes están conectados millóns de dispositivos e equipos informáticos en todo o planeta: desde os encamiñadores que regulan o tráfico ós servidores que achegan contidos e os ordenadores persoais da comunidade de internautas que accede a Internet para empregar algún dos servizos e posibilidades que ofrece.

Intranet: Intrarrede. Rede privada á que só teñen acceso determinadas persoas. Habitualmente entidades como universidades e empresas dispoñen destas redes nas que achegan información só para os seus membros.

JPEG: Siglas de Joint Photographic Experts Group (grupo de expertos fotográficos unidos). Formato de almacenamento de arquivos gráficos, coñecido como JPEG ou JPG, moi empregado nas webs pola alta compresión das imaxes e boa calidade destas.

JPG: V. JPEG

Kb: V. kilobyte

Kbps: V. Kilobit por segundo

Kilobit por segundo: Unidade de medida (Kbps) empregada para coñecer a cantidade de datos que é capaz de enviarse ou recibirse a través dunha rede ou dun dispositivo coma un módem. Equivale a mil bits por segundo.

Kilobyte: Unidade de medida de memoria (Kb) que equivale a 1.024 bytes.

Libro: 1. Libro de visitas Espazo reservado nunha web para que as persoas que acceden a ela poidan deixar unha mensaxe expresando a súa opinión sobre esta. 2. Libro electrónico. Libro en formato dixital que se pode ler na pantalla dun ordenador, asistente dixital persoal, teléfono móbil e outros dispositivos electrónicos axeitados, así como imprimir se nos interesa lelo en papel. Tamén se denomina libro dixital.

Ligar: Conectar un elemento dun documento de hipertexto cun arquivo ou páxina web. Tamén se di enlazar, vincular ou vencellar.

Ligazón: Dise dun elemento dunha páxina web -texto ou imaxe- que, ó premer nel co rato, permite acceder a outra páxina relacionada coa primeira. Por extensión, chámaselle ligazón a calquera enderezo de Internet. Tamén se di enlace, vínculo ou vencello.

Link: V. Ligazón

LIT: Formato propietario de libro dixital creado por Microsoft. Para ler libros neste formato é preciso dispoñer da aplicación Microsoft Reader.

Login: Identificación de entrada nun sistema informático ou sitio web.

Logout: Desconexión dun sistema informático ou sitio web.

Mail: V. Correo electrónico

Mapa da web: Esquema de distribución de contido dun sitio web.

Mb: V. megabyte

Mbps: V. Megabits por segundo.

Mediateca: Biblioteca dixital que ofrece contidos multimedia, por exemplo, en formato audio ou vídeo, o que non impide que inclúa ademais contidos en formato textual coma os libros.

Megabits por segundo: Unidade de medida (Mbps) empregada para coñecer a cantidade de datos que é capaz de enviarse ou recibirse a través dunha rede ou dun dispositivo coma un módem. Equivale a mil Kbps.

Megabyte: Unidade de medida (Mb) de almacenamento de información que equivale a 1.024 kilobytes.

Minisite: Minisitio. Espazo dentro dun sitio web no que o contido aparece diferenciado do resto mediante o seu deseño e que está dedicado a un tema específico. Algunhas editoriais dedícanlles minisitios dentro dos seus portais a algúns dos seus autores e autoras.

Mirror: V. Espello

Móbil: V. Teléfono móbil.

Módem: Palabra formada a partir da expresión MOdulator-DEModulator. Dise do dispositivo que lle permite a un ordenador conectarse a unha rede telefónica ou de cable para poder acceder posteriormente a unha rede de comunicacións como a Internet. Para realizar esta conexión, o aparello modula o sinal mediante o cal se transmite a información e demodula os sinais que se reciben. Algúns destes aparellos permiten enviar e recibir faxes empregando unha ou varias aplicacións informáticas específicas para esa función.

Motor de busca: V. Buscador

Multimedia: Tecnoloxía que permite xestionar, crear e reproducir arquivos infográficos, imaxes, sons, textos e vídeo. Dise dos equipos dispostos para empregar esta tecnoloxía.

Navegador: Aplicación coa que se accede a documentos e servizos en formato compatible coa World Wide Web. O seu nome vén da aplicación Navigator, creada pola compañía estadounidense Netscape con esa finalidade. Tamén se denomina browser ou explorador, nome este último que vén da aplicación Explorer, da compañía estadounidense Microsoft.

Navegar: Acción de visitar sitios da World Wide Web para acceder a documentos e servizos ofrecidos neles. O termo xorde de comparar Internet cun grande océano de datos a través do cal navegan os internautas á busca dos que precisan.

Network: Rede.

OCR: Siglas da expresión inglesa Optical Character Recognition que se utilizan para designar a tecnoloxía informática de recoñecemento de caracteres impresos ou escritos a man en formato papel mediante a cal estes son convertidos en caracteres utilizables en aplicacións de procesamento de textos.

On line: V. En liña

Ordenador: Dispositivo físico capaz de executar instrucións sobre datos en formato dixital, que permiten executar aplicacións para amosar, crear ou empregar textos, números, gráficos, imaxes, son e vídeo. Está deseñado para traballar cunha serie de dispositivos adicionais que se denominan periféricos, coma pantallas, teclados, ratos ou impresoras, entre outros.

Páxina web: Documento creado nun formato que permite a súa difusión en Internet. Habitualmente enténdese que varias páxinas compoñen un sitio web, pero tamén se utiliza como expresión equivalente á de sitio web.

PDA: Siglas de Personal Digital Assistant. V. asistente dixital persoal.

PDB: Siglas de Palm DataBase, un formato de arquivo de documentos usado xeralmente para gardar datos para unha aplicación ou para libros dixitais.

PDF: Siglas de Portable Digital File (arquivo dixital portable). Formato creado pola compañía Adobe no que se poden gravar documentos desde diversas aplicacións para despois imprimilos ou poñelos nunha web a disposición dos internautas, coa vantaxe de que os documentos permanecen inalterados independentemente da aplicación ou plataforma na que se abra.

Pescudar: V. Buscar

Plataforma: Termo que pode designar unha arquitectura de dispositivos, un sistema operativo ou a combinación das dúas cousas. Por exemplo Linux, Mac e Windows son plataformas diferentes, para cada unha das cales se deseña software propio. No caso de aplicacións que poden funcionar en dúas ou máis dise que son multiplataforma.

Portal: Sitio web que achega multitude de servizos e información sobre un ou varios temas.

Premer: Tocar unha área determinada que vemos nunha pantalla coa finalidade de realizar algunha acción. Pódese facer empregando un rato ou dispositivo equivalente e pulsando no botón correspondente, ou cun dedo se dispoñemos dunha pantalla táctil.

Procurar: V. Buscar

Programa: V. Aplicación

Pulsar: V. Premer

Rede: Conxunto de dispositivos e aplicacións que lles permiten a dous ou máis equipos compartir recursos ou datos e empregaren servizos comúns.

Saír: Desconectarse dun servizo en liña.

Servidor: Equipo informático, habitualmente de gran capacidade de almacenamento e xestión de datos, que se pon ó servizo dun ou varios equipos para que estes poidan emprega-los seus recursos e aplicacións ou o contido que almacena. Por exemplo son servidores os equipos que aloxan as páxinas web e ós que se poden conectar clientes (ordenadores ou outros dispositivos) para accederen ós seus contidos.

Site map: V. Mapa da web.

Sitio web: Enderezo de Internet que lles ofrece contidos ou servizos ás persoas que o visitan. Habitualmente enténdese que un sitio web engloba varias páxinas web, pero tamén se emprega como expresión equivalente de páxina web.

Sociedade da Información: V. Sociedade do Coñecemento

Sociedade do Coñecemento: Chámaselle así á sociedade cunha economía baseada no coñecemento e na xestión da información, na que perden importancia relativa o sector secundario -a industria- e o primario -agricultura e gandería-.

Software: Dise das aplicacións informáticas escritas nunha linguaxe que entenden ordenadores e outros dispositivos electrónicos e que permiten o seu funcionamento e a realización de tarefas determinadas.

Subir: Enviar a un servidor un arquivo ou arquivos desde un ordenador ou dispositivo equivalente.

Teleensino: Ensino a distancia empregando novas tecnoloxías e redes como Internet. Nesta modalidade de ensino pódense empregar recursos como libros ou documentos almacenados nunha biblioteca virtual.

Teléfono móbil: Dispositivo portátil que permite comunicarse oralmente e nalgúns casos ata visualmente (videoteléfono) con persoas que posúen outros teléfonos e, dependendo do modelo, mesmo obter, enviar e recibir textos, imaxes e vídeos e en xeral calquera outro contido susceptible de ser dixitalizado e transmitido a través dunha rede de telecomunicacións, incluídos os libros, que tamén se poden ler nas pantallas dos modelos preparados para iso.

TIFF Siglas de Tag Image File Format, ou formato de arquivo de imaxes etiquetadas. É un dos formatos de arquivo de imaxe nos que se están a ofrecer actualmente reproducións fotográficas de páxinas de libros en soporte dixital.

Upload: V. Subir

URL: Siglas de Uniform Resource Locator (localizador uniforme de recursos). Método de especifica-la localización dun determinado recurso ou arquivo en Internet. Por exemplo http://www.valdoulla.com/0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.html quere dicir que solicitamos un documento composto en formato HTML que se denomina '0136a828-82b2-11df-acc7-002185ce6064.html', e que o facemos por medio do protocolo de transferencia de hipertexto (HTTP) dun servidor web (WWW), que aloxa un sitio web que ten como nome de dominio 'valdoulla.com', sendo o nome de dominio de primeiro nivel pola súa extensión .com.

Usuario, -a: Persoa que emprega ou accede a un dispositivo informático ou a un servizo ou rede de comunicacións.

Vídeo: Sucesión de imaxes con ou sen son representadas por medio de sinais electrónicos e por extensión dise que este é o formato dos arquivos informáticos que conteñen vídeo.

Videolibro: Libro en formato vídeo, que en lugar de ler se pode ver e escoitar. Nalgunhas bibliotecas virtuais parte dos contidos son videolibros.

Vínculo: V. Ligazón

Virtual: Que ten existencia aparente pero non real. Dise de servizos ou espazos en Internet que emulan os reais. Por exemplo, un campus virtual en Internet pode ter aulas para impartir clases, unha cafetería para os encontros dos membros do campus, taboleiros para mensaxes, etc.

Web: En tradución literal significa arañeira, e emprégase na expresión World Wide Web para designar parte dos contidos da rede mundial de comunicacións que coñecemos por Internet, en concreto aqueles que se presentan accesibles a través de ou como páxinas web. Debido á progresiva integración en Internet de servizos que antes estaban separados, web ou World Wide Web practicamente son sinónimos de Internet ou rede, e tamén se lle chama así, por abreviar, a un sitio ou páxina web.

Weblog: V. Blog

Website: V. Sitio web

World Wide Web: V. Web

Xigabyte: Medida de memoria que se representa coas letras Gb e que equivale a 1.024 megabytes.

Zip: Extensión que indica que un arquivo está comprimido en formato WinZip.




Arriba Bibliografía e ciberbibliografía

Aguadero, Francisco. Diccionario de Términos Multimedia. Madrid, 1998, Acento Editorial.

Ali, Ismail e José Luis Ganuza. Internet en la educación. Madrid, 1997, Anaya Multimedia.

Álvarez Pousa, Luis. A Identidade fronte á rede: o reto mediático de Galicia na sociedade da información. Vigo, 1999, Edicións Xerais de Galicia.

Baleirón, Charo, Mónica Martínez, Miguel Seoane, Andrés Tarrío, Darío Janeiro e Enrique Neira. O labirinto virtual. Sobre as novas tecnoloxías na educación. Vigo, 1998, Edicións Xerais de Galicia.

Buenaventura, Ramón. Las respuestas. Todo lo que usted siempre quiso preguntar sobre Internet. Madrid, 1999, Editorial Debate.

Caetano Ferreira, António Miguel. Dicionário do Internetês. Brasil,1995, publicación en Internet.

Caplan, Graciela J. Editar sin papel. Bos Aires, 1999, Editorial JVE Siglo XXI/Informática.

Centurión, José Luis. Diccionario de las Nuevas Tecnologías. Madrid, 1998, Acento Editorial.

Cremades, Javier. El paraíso digital. Claves para entender la revolución de Internet y las telecomunicaciones. Barcelona, 2001, Plaza & Janés.

De Alarcón Álvarez, Enrique. Diccionario de Informática e Internet. Madrid, 2000, Anaya Multimedia.

Docampo Amoedo, Domingo. Tecnoloxías das comunicacións: unha visión desde Galicia. Vigo, 2002, Edicións Xerais de Galicia.

Dos, Equipo. Diccionario de Informática. Madrid, 1995, Acento Editorial.

Downing, Douglas A., Michael A. Covington e Melody Mauldin Covington. Diccionario de términos informáticos e Internet. Madrid, 1998, Anaya Multimedia.

Durante, Vanda. Por tierras hispánicas: el área de las letras en la Red. Alicante, 2006, Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Dispoñible en www.cervantesvirtual.com.

European Commission. The European Digital Library. Bruxelas, 2006, Comisión Europea. En http://libraries.theeuropeanlibrary.org/press/edl-faq20060302.html.

Fernández Eiros, Adrao, Xavier Fernández Salgado e Benigno Fernández Salgado. Diccionauta. Glosario de termos ingleses para internautas galegos. Santiago, 2001, Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Freeze, Jill. Guía rápida de Internet. Madrid, 2000, Prentice Hall.

Galego21.org. Navegándomos. Guía de iniciación a Internet. Santiago, 2002, Ciberlingua 2001.

Gates, Bill. Camino al futuro. Madrid, 1995, McGraw-Hill.

Gates, Bill. Los negocios en la era digital. Cómo adaptar la tecnología informática para obtener el mayor beneficio. Barcelona, 1999, Plaza & Janés.

Hale, Constance (coord.) Nuevos conceptos para una nueva era: Internet. Madrid, 1998, Anaya Multimedia.

Hermida Ruibal, Ana. Glos@rio de termos da Internet (galego-inglés-castelán-portugués). Vigo, 2001, publicación en Internet.

Janeiro, Darío e Henrique Neira. 2.000 ligazóns. Santiago, 1999, Grupo Correo Gallego.

Jansen, Erin. NetLingo The Internet Dictionary. Nova York, 2002, NetLingo Inc. (Actualizado en www.netlingo.com).

López, Xosé, Sonia Fernández Parratt, Manuel Gago, Berta García Orosa e Xosé A. Neira Cruz. Sitios: guía web de Galicia. Santiago de Compostela, 1999, Edicións Lea.

López, Xosé, Manuel Gago Mariño e José Pereira Fariña. Novas tendencias do xornalismo electrónico. Santiago de Compostela, 2002, Edicións Lea.

Neira Pereira, Henrique. Internet: navegar desde Galicia. Santiago, 2005, Xunta de Galicia.

Peña, Rosario. La educación en Internet, guía para su aplicación en la enseñanza. Barcelona, 1997, Inforbook's Ediciones.

Poole, Victor e James Lloyd. mnsjs d txto. Diccionario de mensajes y :-) para móviles. Barcelona, 2001, Nuevas Ediciones de Bolsillo.

Romero, Daniel, e Isabel Vaquero. Da Periferia á rede : Internet en Galicia, lingua e contidos. Vigo, 2001, Edicións Xerais de Galicia.

Rodríguez Fernández, Óscar, Roberto Troncoso Egea e Sagrario Bravo de Pablo. Internet. Edición 2003. Madrid, 2003, Anaya Multimedia.

San José Villacorta, Carlos (coord.). Tecnologías de la información en la educación. Madrid, 1998, Anaya Multimedia.

Santos, Rui. Dicionário Informático. Brasil, 1995, publicado en Internet.

Terceiro, José B. socied@d digit@l. Del homo sapiens al homo digitalis. Madrid, 1996, Alianza Editorial.

Terceiro, José B, e Gustavo Matías. Digitalismo: el nuevo horizonte sociocultural. Madrid, 2001, Taurus.

Trejo Delarbre, Raúl. La nueva alfombra mágica. Usos y mitos de Internet, la red de redes. Madrid, 1996, Fundesco.



Indice