Selecciona una palabra y presiona la tecla d para obtener su definición.
Indice

Introdución a «Poeme Postume», de Mihai Eminescu

Inmaculada Pérez Rocha

A universalidade dun autor ven dada pela circunstancia de que a súa obra rebasa as continxencias do tempo, de tal xeito que a humanidade se apropia desa personalidade creadora, dunha producción literaria que logo será comentada, analizada, recitada... O autor semella deixar de pertencer ó lugar que o viu nacer, onde desenvolveu unha vida, en apariencia, igual á de calqueira mortal e na que se poden atopar elementos que nos axudan a descifrar a súa obra. O precio do recoñecemento será a súa inclusión na historia do pensamento literario, nunha época concreta que responde ós seus rasgos estilísticos. Deste xeito, podemos realizar unha primeira formulación do autor, a cal no caso presente sería: Mihai Eminescu, poeta romántico.

Pero, esa universalidade que suspende ó personaxe que aquí presentamos, na eternidade do tempo, confírmao ipso facto coma o poeta nacional romanés. Ás portas de Europa pelo Oriente, ó carón do mar Negro sitúase Rumanía, unha terra de paisaxes extraordinarios, protexida pelos misteriosos Cárpatos, repleta de bosques frondosos e de lagos azuis. País que pela súa situación xeográfica podería ser a antípoda Europea da terra galega; nembargantes, garda certas similitudes con ela, pela beleza paisaxística, a forza das súas lendas, uso dunha lingua tamén románica e por ser unha nación que mantén vivas un senfín de tradiccións, e que agacha numerosos misterios na súa fermosura salvaxe.

Envolto nesta realidade nace o que será cronolóxicamente, o derradeiro gran poeta romántico europeo; un home de faccións doces e delicadas, abandoado ó refuxio da natureza que o acolle dende o mesmo instante do seu nacemento e que o poeta logrou enfeitizar cos seus versos, até dotala de todo aquelo que o seu pobo, sumido na miseria, carecía.

Non nos referimos á natureza só paisaxística, senón cósmica, na que o home forma directamente parte da creacción, non é social. O home está completamente só, rodeado de misterios, situado na fondura do natural, exposto a toda clase de poderes máxicos.

Situámonos inevitabelmente, diante dunha confrontación entre a vida en sociedade e a vida manexada polas leis naturalemente xeneradas. Mais, na poesía que presentamos aquí, a loita está gañada, pois cós seus versos o poeta consegue fundar o ser na materialidade cósmica. É por este motivo que, Mihai Eminescu se converte no poeta nacional de Rumanía, logrando expresar a vigorosidade e vitalidade da súa nación a través dos movementos da natureza.

Mihai Eminescu nace o quince de Xaneiro de 1850 en Ipoteşi, Bucovina. Nas magníficas paraxes do seu entorno, forxarase o seu espíritu aventureiro. Unha mostra dese espíritu é que, ós catorce anos súmase a unha carreta de cómicos e viaxa por Rumanía, no que será o primeiro contacto có país. Eminescu imprégnase nesta viaxe do espíritu da súa nación e afonda naquelas tradicións que logo terán gran peso na súa prosa e nas súas meditacións.

Deixará o seu fogar para ir a estudiar filosofía a Viena entre os anos 1869 e 1872 e logo a Berlín, entre os anos 1872 e 1874. A súa gran paixón foi a filosofía, disciplina que estudiou a fondo, dende a Grecia clásica até o idealismo alemán; pero, á vez, cursa economía política, dereito, anatomía, psicoloxía… no seu profundo afán de coñecemento. Eminescu traballa duro en Berlín, preparándose coma candidato, para un doutoramento en filosofía e escribindo poemas. En setembro de 1874 convírtese nun estudiante externo e volta a Rumanía, para encargarse da biblioteca de Iaşi, pero logo de nove meses, os seus detractores literarios convencen ás autoridades que non é un cargo para el. En 1875 pasa a ser inspector de escolas por Iaşi e Vaslui. Todo este tempo estivo escribindo poesía e relatos e traballando na traducción kantiana da Crítica da Razón Pura.

Ó ano seguinte, é despedido do seu traballo coma inspector e adícase a escribir. Pasa a ser membro de Juminea, sociedade literaria e política de gran prestixio e colabora na revista Convorbiri Literare (Entrevistas literarias). En 1877, traballa tamén en Bucarest na redacción de diferentes xornais, o máis importante será Timpul (O tempo), xornal do Partido conservador, o cal practicamente dirixe.

Escribe o seu primeiro poema ós dezaseis anos, e até os trinta e tres, cando a súa actividade creativa chega ó seu fin, Eminescu realizou unha obra monumental publicada en seis tomos o mesmo ano da súa morte. Comeza a facerse coñecido en 1870, aínda que na súa vida publica soamente un volumen de poemas, que aparece no ano 1883, nos cales aborda una serie de cuestións esenciais da existencia humana, sobre todo, a loita, o amor ou morte.

Tódolos seus poemas están impregnados de liricismo; Eminescu fala do infinito, do cosmos, o irracional. Os seus escritos póstumos desenvolven os seus motivos románticos predilectos: as civilizacións da antigüidade, a reconstitución da mitoloxía, o pesimismo, así coma viaxes a espacios interplanetarios. As súas páxinas están impregnadas dun estado de melancolía, de resignación e de tristeza e soidade.

Namórase tamén, en 1875 da poetisa moldava Verónica Micle, entón casada, quen se convirtiría no seu gran amor até o fin dos seus días. Nunca propuxo matrimonio a Verónica Micle, aínda que en 1879, esta quedouse viúva. En 1880 tiveran unha discusión que os mantivo fisicamente alonxados longo tempo, tras a cal, Eminescu tentou ter relacións con outras mulleres, período no que escribe o seu poema máis famoso, titulado Hyperion (1883) e no que comenzan as súas crises mentais.

Eminescu tenta recuperarse da súa enfermidade en Botoşani, onde pasou a súa idílica xuventude. Verónica volta onda el e isto parece darlle forzas de novo, pero unha nova recaída provoca a súa morte o quince de xuño de 1889. Semanas despois, incapaz de vivir sen o poeta, Verónica Micle morre dun ataque ó corazón.

Eminescu estaba obsesionado pela xénese do pobo romanés e proxectaba escribir grandes dramas e epopeias sobre o episodio daco-romano, cando o emperador Traxano derrota no 107 a. c. ós dacios, pasando este territorio a formar parte dos romanos, ata que Aurelio cede Dacia ós godos. A súa pretensión é a de crear unha mitoloxía ad hoc. Nun dos poemas que presentamos, Rogăciunea unui Dac, no que poeta traballa de 1876 a 1879, Eminescu mostra a un heroe dominado pola furia, por algo que o desgarra, un heroe que se separa e se aisla do mundo, capaz de maldicir ata a súa propia nai. Aínda que o nome do deus dacio, Salmoxis non aparece, semella claro que é o deus ó que o poetase dirixe. Hai tamén alusións na súa obra á poesía budista. O home non é indiferente á sorte do seu corpo tras a morte. Eminescu coñece ben os sistemas filosóficos dos Upanishads e do budismo, nos cales se inspira, pero non os integra no seu poema; posto que, neste caso o seu espíritu non está preparado para o eterno repouso.

Entroutros poemas que presentamos, é especialmente representativo desa materia cósmica en perpetuo movemento á que Eminescu constantemente alude, o poema Sara pe Deal, o cal contén un conxunto de imaxes visuais, auditivas no espacio natural preparado para os amantes, que terían que atoparse no cumio, coma unha montaña cósmica, baixo a acacia, que sería un axis mundi. Pero, o encontro non ten lugar, nin neste poema, nin en Lacul, ou Prin nopţi tacute, nin noutros moitos. Eminescu refírese en case tódolos seus poemas, ó amor liberado de toda traba, coma misterio do universo, o cal é unha constante na mentalidade romántica.

Os bosques son a representación da forza imperiosa do mundo orgánico. A somnolencia, que é o primeiro estado da morte e recorda á restricción schopenhaueriana da tensión da vida, para evitar a dor é en Eminescu índice dunha vitalidade extraordinaria e o efecto da euforia da natureza. A relación de Deus có mundo é fundamental nos seus poemas, da existencia definida coma temporalidade e o Ser identificado co Eterno. Pero, Eminescu tamén fala do mar. Curiosamente, expresa o seu desexo de morrer ó carón do mar, aínda que o poeta só viu o mar fugazmente en Köninsberg, antiga cidade prusiana, que hoxe é a actual Kaliningrado, terra onde naceu Kant e onde o filósofo alemán compuxo a súa inmensa obra, tan admirada por Eminescu.

En canto ás traduccións existentes dos escritos do poeta, podemos dicir que o autor ocupa un lugar destacable no cumio da literatura europea, estando os seus poemas traducidos a máis de sesenta linguas, aparecendo as primeiras traduccións da súa obra en alemán no ano 1889 e ó italiano en 1887. Ademáis, foi traducido a linguas coma o checo, eslovaco, yiddish, albanés, árabe, xaponés, armeno ou sánscrito. Ó castelán foi publicada unha antoloxía de poemas realizada por Rafael Alberti e María Teresa León, publicada en Buenos Aires en 1958.

É difícil a tarefa de facer xustiza, mediante unha traducción a un poeta tan universal e fascinante. Os textos aquí presentados son unha tentativa de achegarnos a un autor polo de agora descoñecido no eido galego e representan a modestia de escribir ó servicio dun xenio. A súa poesía é sinxela, carente de retórica; pero, nesa simplicidade transmite un sufrimento que o fai vivir no seo da verba sagrada, coa que clama á eternidade e coa que refunda a esencia mesma da poesía. Cada poema seu é unha dor constante, unha ferida aberta, agónica; a coraxe de non deixar fuxir un xemido, mais que transformado en verso.

Eminescu viviu nun século de miseria, incapaz de cumprir as aspiracións e os soños que o gran visionario gardaba dentro de sí. A súa constante loita contra a ingratitude do seu tempo, nunha sociedade que non o deixou prosperar, fíxoo enfermar e morrer ós 39 anos. Tráxico final que non foi impediemento para que nos legara unha obra monumental de extraordinaria riqueza.

Indice