Saltar al contenido principal

Rosalía de Castro

Presentación do portal Rosalía de Castro

Por Marina Mayoral

Castellano | Galego

A incorporación da Biblioteca de autor Rosalía de Castro ao fondo bibliográfico dixital da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes é un paso máis e moi importante para reparar a incomprensión sufrida pola escritora a quen Azorín definiu como uno de los más delicados, de los más intensos, de los más originales poetas que ha producido España.

Foi precisamente esa orixinalidade a que motivou a incomprensión da crítica do seu tempo. Rosalía non se axustaba aos canons da literatura feminina, non formou parte dunha «hermandad lírica» que tiña a Carolina Coronado por modelo, nin escandalizou a á sociedade da súa época como o fixeron Gertrudis Gómez de Avellaneda ou George Sand. Viviu afastada dos cenáculos literarios nos que dun xeito ou doutro se xestaba a fama momentánea. A soidade e o silencio foron unha constante na súa vida. Malia cultivar a novela, son os seus versos os que a converten nunha escritora universal, que trascende o seu tempo e o seu país. Ela mesma era consciente da estrañeza que producía a súa poesía, de temática existencial, na que se formulaba o senso da vida, o silencio de Deus, a inxustiza social, os problemas dunhas xentes que tiñan que emigrar para gañar a vida. Non era esa a poesía «femenina», non era dese xeito como a sociedade e os críticos coidaban que tiñan que escribir as mulleres. E Rosalía interrógase cun punto de ironía sobre a súa propia condición:

Daquelas que cantan as pombas i as frores
Todos din que teñen alma de muller,
Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
¡Ai!, de que a terei?

O seu nome non apareceu nas antoloxías de escritoras que se editaron no século XIX, nin entre Las cien mejores poesías de la lengua castellana seleccionadas por Menéndez y Pelayo, nin nas omisións que Antonio Valbuena lle sinala. Foi o hispanista británico James Fitzmaurice-Kelly o primeiro en incluíla na súa antoloxía Oxford Book of Spanish Verse en 1913. Dende entón o recoñecemento ao valor literario de Rosalía de Castro non parou de medrar.

Cos seus libros Cantares Gallegos e Follas novas devolveu ao galego a categoría de lingua literaria que perdera nos séculos de silencio, pero o seu valor vai máis alá da recuperación lingüística. Rosalía converteuse na voz dun pobo que perdera a súa voz. Non é estraño que en Galicia a súa figura alcanzase unha dimensión mítica, de Alma Mater dun pobo que se sente identificado e representado por ela.

En las orillas del Sar, o seu libro máis coñecido, non só é, canda as Rimas de Bécquer, a mellor obra do Romanticismo español, senón o punto de partida dunha nova lírica, que será continuada por Antonio Machado e a poesía do século XX que chamamos existencial, é dicir, aquela que se enfronta aos grandes enigmas da vida humana.

Á parte da obra narrativa, semellante en valía á doutros escritores románticos que foron os seus contemporáneos, a obra poética de Rosalía de Castro colócaa entre os grandes nomes da literatura universal. A inclusión na rede a través da súa Biblioteca de autor contribuirá a que moitos lectores de todo o mundo poidan descubrila e quizais recoñecerse nos versos de quen escribiu:

(...) Juguete del destino, arista humilde,
rodé triste y perdida;
pero conmigo lo llevaba todo:
llevaba mi dolor por compañía.

Subir